Abro este apartado para botar nel os pensamentos, reflexións e chorradas varias que me vaian surxindo sobre dos aconteceres e vaguedades en xeral…
Non teño intención de que ninguén lea esto, así que, escribiréi o que me dea a gana e como me dea a gana.
Considéroo unha maneira de falar só

A MEMORIA

Está claro que a memoria é selectiva, cada quen recorda as cousas seguindo algunha indicación cerebral ou instintiva, sempre moi persoal, inda que… pode ser inducida.

Como se puxo de moda falar da memoria histórica, cos matices propios de cada ideoloxía… doume a arroutada de que podía dar a versión da miña memoria, non pretendo que sexa a histórica, pretendo que sexa a miña memoria máis fiel dos aconteceres do país, acompañada da contada polos meus cercanos e fiables, con algunha nota da escrita por xente máis ou menos coñecida e/ou recoñecida.

Ben, a memoria que lle importa a xente non ten que ver comigo, tampouco ten que ver coa república, a guerra civil ou o franquismo, ten que ver coa idea política que teña cada quen, o que pasa é que eu teño que contar o que lle oín a miña familia, e ós veciños e achegados, cando menos na parte máis antigua e, tamén, o que percibín ó redor de min, sen filtros.

En primeiro lugar, hai que recoñecer que España levaba tempo andando mal, todo comezou co desastroso Fernando VII, con Godoy e con Napoleón, nesa época perdéronse as américas… pouco despois, Alfonso XIII demostrou non ter nin carácter nin personalidade, aparte doutros  defectos, nunhas eleccións municipais gañadas polos republicanos, foise, abandonou o país e o reinado, fuxiu.

A II República prometía, traía a democracia, o poder para o pobo, dereitos, igualdade… podémola dividir en 4 partes:

-A primeira etapa vai do 12 de abril do 1931 ata o 9 de decembro, cando se aproba a Constitución do 1931.
Ó meu entender, un dos seus máis grandes erros foi cambiar a bandeira, dou a entender a falla de respecto a España e a súa historia.
-A segunda (31-33) é liderada por Manuel Azaña (psoe), nunha coalición de partidos de esquerdas, modernizáronse moitas cousas, tamén houbo moitos enfrontamentos entre as esquerdas e unha forte oposición, o que provocou que houbera novas eleccións…
-O bienio conservador (33-35) dou marcha atrás do aprobado antes, formouse unha revolución e folgas, en Asturias, Cataluña…
-A cuarta foi outra coalición de partidos de esquerdas, o Frente Popular, outra vez Azaña na cabeza. A tensión foi en aumento e acabou no golpe de Estado que nos levou a guerra civil.

A guerra civil, ninguén está libre de pecado, o motivo principal do enfrontamento non foi a monarquía ou a república, foi, sobre todo, o enfrontamento entre a dereita e as esquerdas, a relixión ou o laicismo, está claro que o comportamento das esquerdas non era o correcto, asaltos, atentados contra comercios, contra a igrexa, etc. pero, a dereita andaba nas mesmas, atacando ós bandos da esquerda, os políticos da dereita non tiñan que reaccionar da maneira que o fixeron e o exército menos…

Aquí teño que mencionar ao meu pai, foi una boa persoa no senso máis extenso da palabra, sen dúbida; el estivo na guerra no bando “nacional” e mantivo a súa posición política ata a morte, temos falado bastante do tema, eu non podía entender esa postura; el dicía que os de esquerdas non se sentían españois, gritaban: ¡viva Rusia Soviética! e ondeaban a bandeira roxa, desprezando a de España, eu creo totalmente a súa vivencia, inda que fora parcial, era verdadeira…
Debo engadir que teño atopado moita xente de dereitas de grandes calidades e grande corazón, incluso máis que na esquerda, con todo, a miña postura política é de esquerda, eso si, considero que bastante moderada, por momentos.

O franquismo foi moi longo e moi duro, podo afirmalo a pesares de non ter vivido a parte máis dura, oín demasiados testimonios para ter dudas, houbo persecucións, roubos, abusos de todo tipo, por parte de autoridades, dos curas, dos veciños, en fin, imposible negalo.

Polo que a min respecta, recordo unha infancia rodeada de moita xente que traballaba de sol a sol e non tiña para comer, e menos para outras cousas, había malos camiños e mala forma de andar, sen luz eléctrica e sen futuro, esta é a etapa da emigración, por esta orde: a Cuba, Venezuela, Uruguay, Brasil e, sobre todo a Arxentina, a Bos Aires…
Na miña xuventude empezou a mellorar a cousa, falamos de finais dos 60 en diante, aí empezou a ollarse un chisco de esperanza, é certo que seguía habendo moita emigración, pero era distinta, estes volvían a casa, era a emigración europea.
Nese tempo a xente empezou a poder mercar roupa e algún luxo pequeno, bicicletas, motos e ata algún coche, había mellores estradas, había traballo mellor pagado, máis negocios, mellor preparación escolar, íase ó cine, había salas de baile…
Hai que recoñecer que houbo un comezo de revolucións políticas moi agresivas, o grapo, eta, etc. a represión nunca afrouxou.
No 1975, en xaneiro, pasei a traballar nun banco, eso xa era outra cousa, era unha vida coma a de agora, ou mellor, se non te metías en política. En novembro do mesmo ano morreu Franco, algúns coidan que aínda está vivo… os atentados terroristas seguiron moito tempo.

Franco tiña deixado todo “atado e ben atado”, a monarquía, o exército, o poder xudicial… algunhas cousas cambiaron, algún nó segue…
A democracia comezou, no 1978 aprobouse a Constitución Española, para a esquerda máis radical é “O Réxime do 78”.
Recordo a miña ilusión nesa primeira etapa da democracia, considero que foi moi boa, con moita liberdade e moitos avances sociales, gardo un bo recordo de Adolfo Suárez e de Felipe González (como presidente, non así como “floreiro chino”).

Ía dicir máis cousas, pero fóiseme a memoria, non sei o porqué…

A TRANSICIÓN

Quero contar aquí algunhas das  miñas vivencias, os recordos e a miña impresión, en xeral, da transición desde o tempo pasado a este presente, non é que sexan especiais, nin importantes, senón que, por tratarse dunha etapa moi controvertida da que se fala moito nestes momentos, debido ós franquistas, por un lado, e algunhas esquerdas, por outro. Sen máis preámbulos imos a intentar dar unha versión ceibe, sen prexuízos.

Teño que dicir, en primeiro lugar, que nacín no ano 1949 na Adina, unha aldea do concello de Sanxenxo, hoxe non está mal, daquela parecía que estivese máis lonxe, non tiña estrada e os camiños eran lameiros case todo ano… chovía moito máis que agora.
Ben, cando era cativo non había electricidade (puxérona cando eu tiña 6 ou 7 anos), recordo o uso de velas, as lámparas de aceite, o carburo… ah, debo dicir que nós tiñamos unha tenda/bar, onde había de case todo o que se usaba na época, na tenda vendíase moito polo miúdo… cuarteiróns de aceite, un real de algo ou un pataco de aquel outro. Moito a deber. No bar consumían pouco, en xeral, máis ben ían a botala partida de brisca (de seis) ou outros xogos de cartas.

Recordo que había moita xente de loito, sobre todo mulleres, unha rapaza da miña idade botou máis de dez anos pola morte de avós e tíos, ademáis de outros dous ou tres de alivio, onde podía poñer algunha roupa doutras cores, non rechamantes…
Algúns vellos usaban a roupa tan vella que levaban os remendos remendados.
Os rapaces tiñan que axudar a traballar, faltaban moito a escola.

Cando tiña 12 anos, trouxérenme os reis unha bicicleta, foi a envexa de grandes e pequenos, empecei a ir a Portonovo, xa había unha mala estrada, sen asfaltar, pouco máis adiante, tamén ía a Sanxenxo, empezábanse a ver algúns dos que chamabamos bañistas, as mulleres tíñano difícil, non estaba ben visto que ensinaran o corpo. Ía a pasantía a estudar, por libre, o bacharelato, daquela eramos poucos…

Despois de pasar uns anos en Pontevedra (no Sagrado Corazón) co bacharelato superior e o PREU, estiven un ano en Vigo (Ingeniería Técnica), de aí recordo as moitas folgas que houbo, moito cine, pouco estudar (non me gustaba)… saquei o carné de conducir.
Empecei a estudar temas distintos, para saídas con bo mercado de traballo, taquigrafía, mecanografía, cálculo, contabilidade, todo por libre. Fun a  mili, alí deime conta do que vale o poder establecido, os galóns… con todo, non teño un mal recordo dela.

Pouco tempo despois de cumprir o servizo militar caseime, por asuntos de estado… seguín preparándome para oposicións, neste caso, especialmente, para a banca, á terceira foi a vencida e aprobei a entrada en Caixavigo, que se demorou un ano.

Empecei a traballar o 2-1-1975 na caixa, en Cambados, venme a memoria a cantidade de pensionistas que non sabían firmar, tamén me sorprendeu que as mulleres no podían abrir unha conta soas, tiña que haber un home, o pai, un irmán, etc. Ó principio facíase case todo a man nunhas planillas íanse anotando ingresos e saídas, tamén os recibos domiciliados, sobre todo, os de Fenosa (miúdo choio). Convén dicir que a mayoría da xente da miña idade traballaba moito e gañaba pouco, moitos eran emigrantes deles chegaba moito diñeiro, marcos alemáns, floríns holandeses, francos suízos, franceses, belgas… Os intereses eran altos, en xeral, as contas de emigrante tiñan bos réditos. Os maiores traballaban inda máis, algúns facían dous turnos, polo día no campo e pola noite ó mar.
Teño que declarar que os soldos da caixa eran moi altos, e eso que había moita competencia, neste tema estamos peor, tanto os empregados coma os clientes, os que están mellor son os directivos e os accionistas.

Ben, como sabedes, en novembro do 1975, morreu Franco, houbo cambios na actitude de moita xente, algúns dos que falaban castelán pasaron a falar un galego especial, distinto do meu que o falei sempre; fixéronse moitos partidos políticos, que desapareceron.
Coa democracia empezáronse a facer declaracións da renda, daquela maneira… e a pagar impostos doutra forma.
Votamos, pero de pouco vale, ó final fan o que lles da a gaña, non podemos controlar, non nos deixan, eso si, podemos falar, incluso insultar. Considero que a democracia debería ir máis alá, ser máis participativa.

No aspecto social non houbo moito cambio, a sociedade xa viña cambiando desde finais dos 60, refírome a guateques, bailes, bodas, festas… no aspecto laboral tampouco se notou moito, o cambio foise facendo pouco a pouco, pasou o mesmo cos comercios, antes eran de autónomos, agora son grandes centros comerciales, realmente, esto ten pouco que ver coa política, máis ben e cousa do camiño que leva o mundo: que uns poucos gañen moito e que a mayoría gañe pouco. Se que cambiou a relación cos veciños, antes era case que unha familia, agora cada quen anda o seu, a facilidade para viaxar e comunicarse tamén lle afecta a isto.

Coido que os dereitos melloraron un montón, os deberes baixaron de nivel, o repecto case desapareceu, hai máis liberdade, as veces mal entendida, máis igualdade, a xustiza anda regular. Con todo, ninguén pode decir que agora estamos peor, nin na escola, nin na sanidade, nin na vida en xeral… coñecín algunha persoa maior que no fora nunca a Pontevedra, outras que tiñan ido andando a feira, para vender ou mercar unha vaca, hoxe en día, todo o mundo saíu da súa provincia, foi de vacacións por España adiante, ou fóra de España, por outro lado, de non ter que poñer, pasamos a comprar roupa sen que faga falla, non falemos de complementos…

Non sei se esperabades esta transición, pero transitamos.

A DEMOCRACIA

A democracia é o menos malo dos sistemas de goberno.

O pobo só ten un camiño para influír e defenderse dos poderes do Estado e dos fácticos e é: coa unión, a través da política, co exercicio da DEMOCRACIA representativa e, sobre todo, participativa.

A Democracia non é un sistema válido para as elites, para grandes xestas, para privilexios, para o brillo duns poucos, a democracia é para todos, para o pobo, para unha sociedade próspera, é para a vida apracible da maioría.

O pobo non pode confiar o seu destino aos políticos profesionais, nin á relixión, sexa a que sexa, nin a ningún outro poder que poida parecer máis ou menos xusto, ten que confiar en si mesmo e nunha democracia real, ten que exercer o control.

A unión é unha solución ideal, pero non se fai, a maioría da xente non a entende ou a mal interpreta, non se trata de acadar unha “Grande e Libre”, nin unha “Unión do Proletariado”, ámbalas dúas están confrontadas por séculos e, normalmente, son pouco democráticas e excluíntes entre si.
A UNIÓN que precisamos é para acadar unha DEMOCRACIA CONSTITUCIONAL, unha regulación onde cabemos todos, con tódalas ideoloxías, respectando os dereitos fundamentais, controlando os poderes e separando ambos, garantindo a participación continua mediante consultas e decisións vinculantes.

Unión para, entre todos, establecer o que queremos: unha constitución, un sistema de goberno, Monarquía ou República, Estado Federal ou non, autonomías, ata onde?, e poder tratar tódolos grandes temas que nos importan a maioría.

Como xa dixen, a xente só pode participar a través da democracia, polo tanto, temos que separar o trigo da palla, separar todo da política, apartar da política todo o que non sexa da política:
Os medios de comunicación serán independentes, privados ou públicos, a información debe ser limpa e verdadeira, deberanse perseguir os enganos e mentiras, terían que poderse denunciar e condenar.

As relixións son privadas, nin os crentes nin os ateos poden impoñerlle ao Estado os seus criterios que serán laicos e respectarán a todos por igual, independentemente do que teñan ou non teñan, isto non significa que se impidan as tradicións, dentro dunha orde e das normas relativas aos dereitos humanos.

A política partidaria debe desaparecer da vida cotiá, dos eventos deportivos, festas gastronómicas ou relixiosas e todo tipo de eventos que non teñan nada que ver, dereitamente, coa política. Polo de agora a política está metida en todo…

Só a través do exercicio da democracia podemos separar o Executivo dos outros poderes, dar independencia ao poder xudicial e á prensa, permitir o poder Lexislativo, darlle o seu lugar á igrexa e, con todo, enfrontarnos ao todopoderoso poder económico, que é a actual gran potencia mundial que controla os países, os alimentos, a enerxía… as súas multinacionais teñen un campo demasiado amplo e poderoso, con tódolos poderes ao seu servizo, isto é o gran reto da humanidade e da democracia.

A poboación debe desfrutar do máximo poder de decisión posible, hai que pelexalo.

Considero que canto máis localizado estea este poder, máis doado será controlalo, polo que non estou de acordo co centralismo, aínda que, tamén defendo que o poder debería ser gradual, piramidal.
Os concellos deben ter máis funcións, pero deben ser controlados polos veciños e tamén polos poderes superiores.

O control do poder por parte do pobo fai que o poder sexa máis honesto que poderoso.

Que a unión, ou o diálogo, chegue a un acordo mínimo é difícil, mesmo entre os maiores defensores da democracia, pero non queda outra que intentalo, unha e outra vez.

Se non acadamos bos resultados, só nos queda a violencia (mala cousa).

Pola miña banda, en beneficio da unión, “acepto polbo como animal de compañía”.

 

DEREITO A DECIDIR

Quero exercer o DEREITO A OPINAR, que defendo con uñas e dentes, para soltar algunhas ocorrencias sobre o DEREITO A DECIDIR.

En primeiro lugar opino que, o dereito a decidir, é moi complexo e necesita dalgunhas condicións e requisitos; ao mesmo tempo, vaise complicando máis a medida que vai afectando a máis implicados, vou poñer algúns exemplos para explicarme mellor:

-Decido saír a pasear, é sinxelo, fácil de cumprir, só teño que ser libre, ter autonomía e que o tempo mo permita.

-Decido ir ao fútbol, ben, á parte do mencionado anteriormente, hei de ter diñeiro, conseguir unha entrada e, por suposto, que haxa un partido. A medida que aumenta a complexidade do que decido, aumentan os condicionantes, cando a decisión pasa a ser de máis xente e afecta a outros, complícase máis e máis.

Creo que debemos ter o máximo dereito individual a decidir: dereito ao aborto, «da embarazada», dereito á eutanasia, mesmo ao suicidio…, outra cousa é o dereito para decidir sobre temas que afectan a outros, non hai votación posible que estea por encima dos dereitos individuais como os que mencionei, a democracia non vale para todo, por maioría aforcábase no «oeste Americano» ao máis pintado, sen xuízo, sen dereitos.

Supoñamos que unha comunidade autónoma quere ser independente, loxicamente, para sabelo, antes habería que facer unha consulta, debería ser unha consulta detallada, con varias opcións, con explicacións e datos sobre as posibles consecuencias de cada opción, vantaxes e reparos de cada unha, ao obxecto de que as respostas sexan consecuentes e razoables.

Xa dixen que defendo o dereito de opinión, por tanto, defendo todo tipo de referendos, outra cousa é que o resultado sexa decisorio, vinculante:
Ás veces,
a miña muller pregúntame que quero para comer, outra cousa é que, ao fin, prepáreme esa comida que quero, iso non presupón que me tome o pelo, hai que ver o porqué, hai que analizar a situación, os condicionantes, para chegar a unha conclusión acertada: se había o que pedín… ó mellor fun eu o que pediu o que non debía, que estaba fora de lugar ou, simplemente, pode que a miña muller pensara que ía pedir outra cousa, de tódalas maneiras o asunto non foi ben medido.

Definitivamente, os pobos, coma as persoas, teñen DEREITO A OPINAR, é bo saber o que desexan, para iso, o mellor, como xa dixen, son consultas detalladas, cos requisitos da consulta (que se considera un pobo, por exemplo), hai que saber as condicións e consecuencias de cada opción, unha vez coñecida a opinión dun pobo, xa veremos se lle podemos facer esa comida, o que si podemos, é facer propostas acertadas e, posiblemente, chegar a solucións compartidas e ofrecerlles o que lle podemos dar, segundo o menú nacional dispoñible.

Desde logo, quen ten dereito a decidir, decide, se non decide, é que non ten DEREITO A DECIDIR, ou non o ten dabondo para facelo.
O dereito a decidir precisa de forza: forza física, forza moral, forza legal. Non existe o dereito a decidir porque si, ou porque o teñen outros en circunstancias que parecen similares, pero non o son, case nunca: a historia, o idioma, o territorio, a vontade dun pobo, poden ser suficientes ou non, hai que ver se os organismos internacionais lle dan o visto bo, inda así, depende do poder de quen non deixa decidir.

Na actualidade hai moitos lugares que teñen dereito recoñecido a decidir, pero os países como EE. UU., China, Rusia, Inglaterra, entre outros, acéptanlle ese dereito a quen lles da a gaña, sempre topan unha forma de xogar ao seu favor, os dereitos son deles, de máis ninguén, e: se non queres espérote na rúa…

A INDEPENDENCIA

Neste momento, está de rabiosa actualidade a reclamación, por parte dalgunha autonomía, do dereito a decidir, de autodeterminación; ata certo punto, estou de acordo, a cuestión está no que, decidir que, autodeterminación para que.

Amigos, non é para alcanzar algún nivel de competencia, ou para conseguir algún proxecto, máis ou menos vital, NON!, esixe o dereito para decidir a INDEPENDENCIA de goberno, para ser unha nación con goberno propio.

Temos un gran problema, a independencia non existe, só hai graos de dependencia, de bastante a moita, nin os grandes países, como Alemaña, son independentes, só achéganse os moi poderosos, como EE.UU., Rusia ou China, que case poden facer o que lles dá a gana, pola lei da forza, si, hai que ser moi poderoso para que che respecten ese dereito, vai depender da pertenza actual dese territorio, poderíase facer a pregunta que oía de pequeno pola miña aldea, antes de nada: “¿e ti de quen ves sendo?”…

Está claro que unha Comunidade Autónoma de España, non pode ser independente, ó meu entender, ningunha comunidade ten a historia nin a base que lle de dereito a ser independente legalmente, ningún organismo internacional lle pode dar apoio a unha demanda deste calibre; debería, en todo caso, loitar por competencias que lles sexan importantes, en base á súa realidade, por exemplo, Galicia debe tentar conseguir toda a competencia sobre a súa pesca, entre outras.
Quero dicir que Galicia é, entre todas, a que ten máis dereitos, –Territorio definido (sen contar O Bierzo), –lingua propia, e ten a honra de ser o primeiro reino de Europa, podédelo ver no capítulo IV do meu libro, Adngalego.es: O reino Suevo de Galicia. 
Cataluña nunca tivo reino propio, o País Vasco, menos, si o tiveron Navarra ou Granada, pero…

Por outra banda, considero que unha independencia de calquera das Comunidades Autónomas, non sería boa para España, nin para as outras comunidades, nin para a propia comunidade que conseguise a dita independencia, nin comercialmente, nin socialmente, nin economicamente…

Coido que o mellor para todos nós é a unión, ó dicir nós refírome a tódolos españois, incluídos os que non queren selo, sen ningún tipo de dubida, o mellor é a unión entre nós, con Europa, con Hispanoamérica e co resto do mundo, calquera tipo de negociación será mellor estando dentro de España que por libre.

Sei que hai algúns independentistas, a maioría deles enganados, pero na realidade son 4 cataláns, 3 vascos e 1 galego… pode que haxa outros paisanos perdidos pola xeografía española que tamén a desexan, creo que están mal informados, non estaría de máis que houbera algúns programas de radio e de televisión falando deste tema en profundidade, das vantaxes e dos inconvenientes de tal medida, non por nada, senón por poñer cada cousa no seu sitio, para tranquilizar á xente e que deixen de facer as barbaridades que acostuman a facer de vez en cando, por algo que non pode ser.

Sorpréndeme neste senso a postura dos partidos de esquerdas, na teoría son globais, internacionais; dende logo non son nacionalistas, a súa patria é a xente… pero, resulta que, agora, son nacionalistas locais, incluso moi independentistas, parece que para ser máis de esquerdas hai que ser máis antiespañol, inventar unha bandeira e xa.

Todas as nosas comunidades teñen percorrido para alcanzar un maior nivel das súas competencias, nisto si que estou de acordo, a proximidade é boa para resolver moitos problemas.

Hai reformas imprescindibles na Constitución, por aí teñen que ir as reclamacións e os acordos, este si que é un bo campo de batalla, aquí está a nosa verdadeira loita cidadá.

Como xa dixen noutro lugar, é irrenunciable o dereito a OPINAR de todos e cada un, tamén o dereito a decidir sobre amplos temas, pero, declárome contrario ao suposto dereito a decidir sobre a independencia de ningunha Comunidade Autónoma, se non hai unha posibilidade de acordo entre as partes, só a guerra pode outorgar a independencia, se se gaña, claro.

LEGALIDADE E XUSTIZA

Está claro que a legalidade é o permitido pola lei, polo tanto, hai que respectala. Quero, con todo, manifestar algunha opinión respecto diso para que, a lei, sexa respectable de por si.

Non pode ser que aparezan unhas táboas da lei, ao modo de Moisés, ou unha Constitución que recolla, ben ou mal, unhas normas e regras sen contar cos cidadáns para a súa aprobación definitiva antes de publicarse onde corresponda e de que entren en vigor.

A lei, para ser xusta, debería basearse, en primeiro lugar, no respecto aos Dereitos Humanos, o respecto á liberdade individual e colectiva, o respecto á igualdade dos individuos ante as mesmas situacións, a ética debe ser pedra angular da lei. Unha vez garantidos ao máximo os dereitos do individuo e da comunidade, empezaremos cos deberes para garantir os dereitos sociais dos demais, sós ou colectivos, aí teranse en conta as tradicións, os costumes, a cultura, a historia etc.

Os valores non se poden esixir, ou sexa, non se pode obrigar a ninguén a que sexa solidario, ético, caritativo… por iso, a lei debería potencialos e tratar no posible de aplicalos, exemplo: Se un maxistrado ten algunha relación cun procesado, directa ou indirectamente, a lei debe impedir a súa participación nese xuízo para garantir a imparcialidade e non depender da suposta ética do maxistrado.

Pretendo dicir que, os principios e valores, que son «desexables» nos individuos, deben ser principios e valores de «obrigado cumprimento» por parte da lei, polos grupos sociais, partidos, organismos, institucións, etc., ou sexa, débese ser máis permisivo co comportamento individual (aborto ou eutanasia, por exemplo), pero controlar máis os comportamentos de grupos ou seitas.
O que non é ética ou moralmente aceptable pola sociedade, non debería poder ser legal e, ás veces, o é.

Algúns queremos ser absolutamente libres, pero vivimos nunha sociedade e son imprescindibles algunhas regras, sobre todo, de respecto social, para que a sociedade poida ser o máis libre posible.

Son partidario da máxima liberdade, cunhas mínimas regras que garantan esa liberdade, tanto ó individuo coma ó colectivo.
Quero ir de viaxe onde me de a gaña, pero, é lóxico e comprensible que sexan necesarias regras de tráfico, documentación, etc.

A legalidade ten que ser xusta.

A lei debe ser igual para todos, senón non sería xusta.

A xustiza non é cousa só dos xuíces, é cousa de todos, hai que vixiala, debemos controlar a interpretación que se fai da lei e tomar as medidas oportunas, se fixera falla, e vai tempo que fai falla, estannos dando moita sorpresa algunhas interpretacións xudiciais moi aceleradas e con pouco fundamente, nalgún caso, e moita desidia, noutros casos que afectan a xente doutro bando político, e ós de clases sociais más elevadas que, na maioría destes casos, resultan sen o castigo pertinente, debido a diversos motivos… delitos que caducan, expedientes que se perden, probas que non son tidas en conta, testemuñas que se ignoran, incluso xuíces que non deixan aos avogados practicar a defensa dos seus, mentres outros procesados son protexidos e non lle permiten, ó avogado acusador ou ó maxistrado, algunhas das preguntas que serían moi pertinentes para poder resolver, como debía ser, aplicando a xustiza pertinente.

En España estase a ver un poder xudicial moi contaminado pola dereita, parece que neste caso, Franco, deixou atada e ben atada, a función deste poder na defensa das ideas máis retrógadas. Sinto ter que dar esta opinión pero é a que percibo e a que me gustaría que se fose arranxando, anque dubido que se resolva, polo menos a curto prazo… vexo demasiada xente apoiando a dereita, ademais do poder dos medios de comunicación e dos económicos que están do mesmo lado.

OS PODERES

O poder, é clave na evolución en xeral e na do home en particular, ao principio, o poder fundamentouse na forza, mesmo na forza bruta, exercido sen miramentos para ter á tribo submisa, este poder sempre estivo rodeado de axudantes, amigos e temerosos… logo apareceu a astucia como contra poder que, á falta de forza, baseouse en aproveitar os medos, ao descoñecido, ao misterioso… Xa temos a base da política e da relixión, ó xefe da tribo cos seus soldados, asesores e os que lle fan a rosca. en xeral, pola outra banda contamos co bruxo cos seus deuses e demos, transformados en diversas igrexas ó longo do tempo e do mundo:  sérvense, témense, apóianse, traizóanse, alíanse…

Despois de moitos avatares ambos poderes mantéñense no tempo pero, namentres, naceron outros:

O poder da lei, que se divide en dúas partes, a Lexislativa e a Xudicial, ou sexa, a legalidade e a interpretación que fan os xuíces desa lei.
Máis tarde, o poder da política en xeral, desde a Ditadura a Democracia, o poder dos Medios de Comunicación e, en progresión continua e acelerada, o Capital, en forma de diñeiro, do Monopolio empresarial, do control dos alimentos, das menciñas e de todo tipo de produtos cos que se pode gañar diñeiro
O poder económico que é, na actualidade, o gran poder que compra as vontades de tódolos demais, o poder económico ten conseguido que a política, a través do P. Executivo, teña absorbidos e subxugados ao Lexislativo, ao Xudicial, aos Medios de Comunicación e dominada a Democracia que raramente exerce e déixase levar polas vendidas políticas e pola relixión que, desgraciadamente, están ao servizo do Capital.

O pobo só ten unha opción que pasa pola súa UNIÓN, para iso necesita atoparse na moderación, e por loitar e conseguir a separación e o control de tódolos poderes, especialmente, o político e o económico, para logralo, é necesario reducilos, encollelos, dividilos, ou sexa:
o pobo unido- e -os poderes ben separados-, debemos ter en conta que, entre outras cousas:

  • O Executivo ha de ser –Só Executivo-. Hai que vixiar que interprete a lei axeitadamente.
  • Hai que atar, en curto, ao poder económico, que paguen os seus impostos, fóra privilexios.
  • As grandes empresas multinacionais teñen un poder esmagador que debemos limitar, si ou si.
  • Hai que apoiar ás pequenas empresas e ós autónomos, que garanten a libre competencia, evitan os monopolios, dificultan a oligarquía, favorecen a diversidade, calidade e prezo dos produtos etc.
  • O pobo que non é temido… é domeado.
  • A impunidade é a nai de tódolos vicios… necesitamos ter o control dos poderosos.
  • A lei debe protexer o que é útil á sociedade e ós dereitos individuais e castigar o que dana ao pobo e ao paisano.
  • Hai que buscar: -Liberdade para ser iguais- e Igualdade para ser libres-.
  • A Relixión pertence, exclusivamente, ao ámbito privado, non pode ser que invada a vida de quen non é crente, nin sequera de quen cre.
  • A opinión pública debe controlar aos gobernantes, non permitir que estes cren a opinión.
  • Quero facer unha mención especial ós Medios de Comunicación, paréceme que, cada vez máis, están ó servizo do capital, dos intereses dos poderosos, políticos, empresas, etc., o pobo non lle preocupa para nada, hoxe en día, as editoriais, non viven de vender periódicos, viven de subvencións e da publicidade, de momento… creo sinceramente, que están equivocados, co tempo terán que volver a xente, necesitarán vender, senón a publicidade non terá ningún valor… e se a publicidade non vale para nada, as empresas non van tirar con diñeiro.
    Moralmente é unha desgraza que a prensa lle dese as costas o pobo, quen o diría…
    -Dixen.

 

 

O QUE NOS SEPARA

Como perseguidor da UNIÓN DA DIVERSIDADE, cheguei á conclusión de que, un dos principais escollos para conseguila, é a FALTA DE RESPECTO ao individuo e á súa cultura, sumada á ignorancia e á falta de análise da dita falta de respecto.

Antes de seguir, teño que dicir que son galego e español. Son español porque son galego, non podo ser español, se non é a través de ser galego, se me impiden ser galego, simplemente, impídenme ser español.

Se non se respecta a diversidade, será imposible a unión. A unidade, ou peor, a uniformidade por decreto, non serve, é máis, é perniciosa, é coma se te obrigan a casarte, imos, que non!. A nosa historia común ten que sumar, e suma, pero é conveniente separar a palla do trigo.

Respectar a diversidade quere dicir, ter en conta a forma de ser e a opinión dos diferentes, o respecto é o que ti lle debes aos distintos, non a esixencia de que sexan como ti pensas, iso é respecto ás túas crenzas que, cara aos outros, é tiranía. Evidentemente, non todo vale, ten que haber unhas normas, uns códigos de obrigado cumprimento que todos temos que acordar e respectar e que serán as nosas leis, isto é fundamental, ineludible. É o mínimo común múltiplo.

Quero dicir que, hai moita xente, de certo nivel, que se describe como liberal e ten ao respecto por bandeira, logo, as primeiras de cambio, velos insultando, menosprezando, descualificando a outra xente que pensa diferente, ou simplemente, non ten o nivel de «coñecemento», (confundido moitas veces con cultura). Pasa o mesmo coa liberdade, hai que respectar a liberdade do outro, ídem co respecto que é o que vai cara aos que pensan diferente, aínda que pensen peor.

Ninguén debería estar condicionado polo que opinasen os grandes que na historia foron, ou son, haberá que ter en conta a súa opinión, pero, logo de analizala, debemos sacar a propia, coincida ou non coa súa. Sucede que a admiración, como a paixón, réstanos liberdade, sen darnos conta, adormece o noso libre albedrío, impídenos ser imparciais e, polo tanto, xustos: As faltas sempre nolas pitan en contra! (fútbol).
Ollo cos nosos admirados, non fagamos propios, os seus erros.

A nosa querida España que, por diferentes motivos, non coñeceu nunca, nin coñece, unha democracia plena, organizouse á morte de Franco, cunhas Comunidades Autónomas que, do mesmo xeito que o Estado e por culpa dun mal regulamento político, víronse invadidas pola corrupción, privilexios de todo tipo, gastos sen control e fusión de todos os poderes nun. Isto hai que arranxalo, pero non como algúns iluminados queren facelo, á vella usanza, collendo as rendas e aplicando as súas infalibles dogmas, uns falan de democracia, pero as súas consignas non contan co pobo, outros din contar co pobo pero o pobo non parece contar con eles, cada un por unha banda.
Algúns partidos parecen iguais pero non se xuntan, tódolo contrario. Cando máis necesitamos a UNIÓN, máis separados estamos, nunca houbo tantos partidos políticos como agora, cada un a súa bóla.

SEPÁRANOS A FALTA DE RESPECTO: ao pobo en xeral, ás opinións diferentes, ás culturas diferentes. Sepáranos o extremismo.
Moito «tipo A», moito «tipo B»  e pouco «tipo M» (tipos humanos mencionados noutro lugar, deste espazo).

Para a UNIÓN e A DEMOCRACIA hai que ter en conta ao pobo, a reforma do Estado hai que consultarlla ao pobo,  as regras de xogo hai que facelas co pobo. Iso quere dicir que hai que facer máis dun referendo, aprendamos de Suiza.

POLÍTICA e RELIXIÓN non poden estar unidas, a relixión é privada e variada, é para os crentes, a política é para todos, tamén para os ateos, aquí, como nos poderes do Estado, tamén é necesaria a separación, A Deus o que é de Deus e ao Cesar o que é do Cesar!.

O que molesta a unha parte da sociedade debería ser excluído do público, como mínimo, é de pura educación, se algo che gusta pero molesta a outros, faino en privado, polo tanto, relixión, touros e demais temas conflitivos deben ir ao sector privado, sen dúbida.

Se unha parte da sociedade quere impoñer os seus valores á outra é imposible a unión, a UNIÓN baséase na cesión dunha parte da nosa posición, en favor da posición do outro e viceversa, hai que buscar o punto de encontro, canto máis amplo, mellor.

Poida que teña razón ou non, pero, ou me recoñecedes a razón que teño ou me convencedes de que me falta razón, pode que pase o mesmo contigo, estou aquí para dialogar, podemos chegar a un acordo.

TIPOS HUMANOS

Cheguei a conclusión de que os humanos poden clasificarse en tres tipos, que poderíamos chamar A, B e M, por exemplo. Cada un deles é o depositario dun xeito de ser que o leva a ser o que é.

Ben, estes tipos non son puramente A, B ou M, son combinacións:
AM ou BM ou, máis raramente, AB, contraditoria, impactante, cunha especie de bipolaridade.

Agora enumeraremos as características de cada tipo:

O tipo “A” é un tipo de símbolos: unha bandeira, un país, unha cruz, unha espada, un heroe ou un himno…
É un tipo de ideas: de fe, de honra (honra a vida e a morte).
É un tipo de orde, de disciplina, de lei (non de xustiza).
Adoita ser un verdadeiro crente e practicante da súa relixión (da que haxa onde lle tocou nacer).
Ten alma de líder, valora o éxito que se consegue con esforzo, é autoritario (sempre ten a razón…)
O tipo A é, políticamente, de dereitas; pode ser un heroe se ten a oportunidade. Considérase liberal.
Quere ser o xefe, o presidente do goberno, da asociación de veciños, de calquera club, xefe de grupo, adestrador, etc.
Defende a lealdade por riba de todo.
Ama os triunfadores, os gañadores: ó can que é bo cazador ou ó galgo máis rápido, tamén a valentía do touro, así como, a arte de tourear, etc.
Non lle gustan as persoas ou os animais simplemente porque son seres vivos, gústanlle se destacan en algo ou por algo, como xa dixen.
É ambicioso, egoísta e pouco solidario, inda que pode ser caritativo e amigo dos seus amigos (coidado cando caen).
É capitalista (aínda que sexa pobre); quere ser rico, poderoso e influente.
Defende a súa liberdade, a súa liberdade de actuar… o fin xustifica os medios, todo o que sexa necesario para o éxito.
O seu perfil encaixa perfectamente co PODER EXECUTIVO. Tentarei de explicar isto con máis detalle noutra ocasión.

O TIPO B é un tipo que non é superficial, é humilde, social, solidario, non se basea en símbolos, a súa prioridade é a natureza: as persoas, os animais e as plantas.
Defende ó ser vivo, ó que está aquí e agora, máis que a vida en abstracto, non lle interesa “o máis alá”, adoita ser ateo. Defende a lei pola lei, é o tipo máis cualificado para garantir que as leis sexan xustas, os do tipo B deberían estar no PODER LEXISLATIVO.
A IGUALDADE é a súa loita, o seu obxectivo social, gústalle compartir a vida e os momentos felices.
Quere que todo suceda de forma natural, políticamente, podería ser comunista, quere que o estado protexa aos máis necesitados, que garanta os seus dereitos, quere educación e sanidade públicas e gratuítas…
Non dirixe grupos, se fose o líder dun equipo, este equipo sería unha banda… (non se sinte ben baixo a disciplina, nin na orde), tería que delegar nun segundo ou nun capitán que se fixera cargo do grupo.
Canto máis febles son os animais, máis lles quere, contrario da caza e do toureo, que considera maltrato animal.
É máis un camarada, un compañeiro, ca un amigo.
Adoita ser de esquerdas, antitaurino, antisistema, feminista, defensor dos grupos LGTBI, ecoloxista, activista animalista, okupa, anti-desahucios, defensor dos dereitos dos traballadores...
Aspira a vivir con tranquilidade, en paz e harmonía, pero vivir con dignidade xa lle abonda.

O tipo “M” é o máis imparcial e moderado, tamén o menos frecuente, ama a liberdade no sentido máis amplo, ama a “liberdade de ser”, ademais, estará de acordo co divorcio, a eutanasia, os dereitos LGTBIQ+, os dereitos feministas e todos os dereitos humanos.
Soe ser anarquista, pero acepta a democracia (inda que ás veces non participa).
É bohemio, artista, xeralmente agnóstico.
Pola súa natureza, encaixaría no PODER XUDICIAL, ten cualidades para ser un bo intermediario ou negociador.

Como dixen máis arriba, non existen tipos puros, polo tanto non existe o M, existe AM ou BM, se un M vai acompañado de A, a súa “liberdade de ser” convértese en “liberdade de facer”, na liberdade de mercado; se vai acompañado de B, perderá algo de liberdade, pero será máis social, máis solidario, buscará máis a igualdade.

 

O DIÑEIRO e os tipos humanos.

O diñeiro é querido e perseguido por toda clase de persoas pero, non representa o mesmo para todos, nin lles afecta da mesma forma.

O Tipo A e o diñeiro fan unha parella perfecta, o diñeiro favorece e/ou consolida os seus principais valores e ideais, dálle PODER, confirma o seu ÉXITO, aumenta o seu liderado, consegue máis RESPECTO, máis admiración, permítelle subir na escala social e achegarse aos seus ÍDOLOS e alternar con eles, poderá ter iate, palco no Bernabéu (por exemplo), fará moitas viaxes, irá a grandes eventos deportivos, musicais, etc… Saberá investir e gastar o seu diñeiro nos círculos de interese, seguiralle custando convidar a un viño aos  amigos de segunda (para o tipo A, o diñeiro ten máis valor ca eles), pero colaborará con asociacións benéficas, cruz vermella, cancro e outras, e, por suposto, con entes eclesiásticos e/ou patrióticos.

Pódese dicir que, en liñas xerais, e canto máis mellor, o diñeiro mellora ao tipo A, como dixemos, aumenta os seus valores, con todo, non adoita empeorar os seus puntos débiles que se manteñen case que intactos. O tipo A, con diñeiro, está na súa salsa. 
Quixera ser parte da burguesía.

Ao tipo B, cando lle chega diñeiro, desconcértao: malgástao, inviste mal, compra o que non debe, mestura o luxo co charramangueiro, os seus valores dilúense, adquire os defectos do tipo A, pero ningunha das súas virtudes, o seu comportamento é o do típico NOVO RICO, o diñeiro quédalle mal e canto máis, peor, trata de alternar en ambientes que non son os seus, pero nunca será aceptado polo tipo A, caerá no malgaste. tentará mercar o que non se pode con diñeiro e, posiblemente, acabará perdéndoo todo, incluso os mellores amigos de sempre, con todo, manterá, no básico, os seus valores, solidariedade, igualdade (menos) e a súa idea política seguirá sendo, en moitos casos, de esquerdas, a pesares do seu comportamento e aínda que viva nun sitio de luxo e os seus fillos estuden en centros de elite, privados.
Nalgúns casos, o diñeiro transfórmao de tal maneira que será irrecoñecible, incluso se volverá de ideoloxía non democrática…

O diñeiro sácao do seu sitio natural, andará perdido. Ter o suficiente para vivir é o mellor para el, manteno cos pes na terra.

Para estar en plenitude: o tipo B necesita compartir a súa vida coa sociedade, ter traballo, vivenda e, coa protección do Estado, tendo servizos públicos e sociais correctos, está satisfeito e é feliz, isto é o mellor para el e para tódolos demais, para os familiares, os veciños e os amigos, ou sexa, ter o suficiente… pero non demasiado.

Parece que o tipo B séntese ben dentro da chamada clase obreira.

O tipo M: o diñeiro non mellora ao tipo M, que adoita ser bo por natureza, o diñeiro mellora a vida do tipo M, recíbeo con alegría, axudaralle a gozar máis da LIBERDADE, viaxará moito máis, vestirá mellor, comerá en bos restaurantes, comprará arte, mellorará a súa vivenda, gozarao, buscará e terá calidade de vida, polo demais, non cambiará de maneira significativa os seus costumes, nin o seu carácter, conservará aos seus amigos de sempre e terá cada vez máis e máis, para compartir con eles, sobre todo, o seu lecer, sen intereses especiais, máis que sacarlle zume á vida e desfrutar dela.
O tipo M é un intelectual e/ou un artista, con diñeiro, mellora a vida del e a do seu entorno.

Facendo esta reflexión, cheguei, sen darme conta, a conclusión de que ás clases sociais existen e teñen o seu fundamente, precisamente na forma de ser da xente, de cada quen.

Ata o próximo pensamento, ou arroutada…