LEGALIDADE e XUSTIZA

LEGALIDADE E XUSTIZA

Está claro que a legalidade é o permitido pola lei, polo tanto, hai que respectala. Quero, con todo, manifestar algunha opinión respecto diso para que, a lei, sexa respectable de por si.

Non pode ser que aparezan unhas táboas da lei, ao modo de Moisés, ou unha Constitución que recolla, ben ou mal, unhas normas e regras sen contar cos cidadáns para a súa aprobación definitiva antes de publicarse onde corresponda e de que entren en vigor.

A lei, para ser xusta, debería basearse, en primeiro lugar, no respecto aos Dereitos Humanos, o respecto á liberdade individual e colectiva, o respecto á igualdade dos individuos ante as mesmas situacións, a ética debe ser pedra angular da lei. Unha vez garantidos ao máximo os dereitos do individuo e da comunidade, empezaremos cos deberes para garantir os dereitos sociais dos demais, sós ou colectivos, aí teranse en conta as tradicións, os costumes, a cultura, a historia etc.

Os valores non se poden esixir, ou sexa, non se pode obrigar a ninguén a que sexa solidario, ético, caritativo… por iso, a lei debería potencialos e tratar no posible de aplicalos, exemplo: Se un maxistrado ten algunha relación cun procesado, directa ou indirectamente, a lei debe impedir a súa participación nese xuízo para garantir a imparcialidade e non depender da suposta ética do maxistrado.

Pretendo dicir que, os principios e valores, que son «desexables» nos individuos, deben ser principios e valores de «obrigado cumprimento» por parte da lei, polos grupos sociais, partidos, organismos, institucións, etc., ou sexa, débese ser máis permisivo co comportamento individual (aborto ou eutanasia, por exemplo), pero controlar máis os comportamentos de grupos ou seitas.
O que non é ética ou moralmente aceptable pola sociedade, non debería poder ser legal e, ás veces, o é.

Algúns queremos ser absolutamente libres, pero vivimos nunha sociedade e son imprescindibles algunhas regras, sobre todo, de respecto social, para que a sociedade poida ser o máis libre posible.

Son partidario da máxima liberdade, cunhas mínimas regras que garantan esa liberdade, tanto ó individuo coma ó colectivo.
Quero ir de viaxe onde me de a gaña, pero, é lóxico e comprensible que sexan necesarias regras de tráfico, documentación, etc.

A legalidade ten que ser xusta.

A lei debe ser igual para todos, senón non sería xusta.

A xustiza non é cousa só dos xuíces, é cousa de todos, hai que vixiala, debemos controlar a interpretación que se fai da lei e tomar as medidas oportunas, se fixera falla, e vai tempo que fai falla, estannos dando moita sorpresa algunhas interpretacións xudiciais moi aceleradas e con pouco fundamente, nalgún caso, e moita desidia, noutros casos que afectan a xente doutro bando político, e ós de clases sociais más elevadas que, na maioría destes casos, resultan sen o castigo pertinente, debido a diversos motivos… delitos que caducan, expedientes que se perden, probas que non son tidas en conta, testemuñas que se ignoran, incluso xuíces que non deixan aos avogados practicar a defensa dos seus, mentres outros procesados son protexidos e non lle permiten, ó avogado acusador ou ó maxistrado, algunhas das preguntas que serían moi pertinentes para poder resolver, como debía ser, aplicando a xustiza pertinente.

En España estase a ver un poder xudicial moi contaminado pola dereita, parece que neste caso, Franco, deixou atada e ben atada, a función deste poder na defensa das ideas máis retrógadas. Sinto ter que dar esta opinión pero é a que percibo e a que me gustaría que se fose arranxando, anque dubido que se resolva, polo menos a curto prazo… vexo demasiada xente apoiando a dereita, ademais do poder dos medios de comunicación e dos económicos que están do mesmo lado.