DEMOCRACIA (uf!)
A DEMOCRACIA
A democracia é o menos malo dos sistemas de goberno ó meu entender.
O pobo só ten un camiño para influír e defenderse dos poderes do Estado e dos fácticos e é: coa unión, a través da política, co exercicio da DEMOCRACIA representativa e, sobre todo, participativa.
A Democracia non é un sistema válido para as elites, para grandes xestas, para privilexios, para o brillo duns poucos, a democracia é para todos, para o pobo, para unha sociedade próspera, é para a vida apracible da maioría.
O pobo non pode confiar o seu destino aos políticos profesionais, nin á relixión, sexa a que sexa, nin a ningún outro poder que poida parecer máis ou menos xusto, ten que confiar en si mesmo e nunha democracia real, ten que exercer o control.
A unión é unha solución ideal, pero non se fai, a maioría da xente non a entende ou a mal interpreta, non se trata de acadar “Unha Grande e Libre”, nin unha “Unión do Proletariado”, ámbalas dúas están confrontadas por séculos e, normalmente, son pouco democráticas e excluíntes entre si, funcionan coma dous polos da misma carga, repélense.
A UNIÓN que precisamos é para acadar unha DEMOCRACIA CONSTITUCIONAL, unha regulación onde cabemos todos, con tódalas ideoloxías, respectando os dereitos fundamentais, controlando os poderes e separando ambos, garantindo a participación continua mediante consultas e decisións vinculantes.
Unión para, entre todos, establecer o que queremos: unha constitución, un sistema de goberno, Monarquía ou República, Estado Federal ou non, autonomías, ata onde?, e poder tratar tódolos grandes temas que nos importan a maioría.
Como xa dixen, a xente só pode participar a través da democracia, polo tanto, temos que separar o trigo da palla, separar todo da política, apartar da política todo o que non sexa da política:
Os medios de comunicación serán independentes, privados ou públicos, a información debe ser limpa e verdadeira, deberanse perseguir os enganos e mentiras, terían que poderse denunciar e condenar.
As relixións son privadas, nin os crentes nin os ateos poden impoñerlle ao Estado os seus criterios que serán laicos e respectarán a todos por igual, independentemente do que teñan ou non teñan, isto non significa que se impidan as tradicións, dentro dunha orde e das normas relativas aos dereitos humanos e outros dereitos.
A política partidaria debe desaparecer da vida cotiá, dos eventos deportivos, festas gastronómicas ou relixiosas e todo tipo de eventos que non teñan nada que ver, dereitamente, coa política. Polo de agora a política está metida en todo…
Só a través do exercicio da democracia participativa podemos separar o Executivo dos outros poderes, dar independencia ao poder xudicial e á prensa, permitir o poder Lexislativo, darlle o seu lugar á igrexa e, con todo, enfrontarnos ao todopoderoso poder económico, que é a actual gran potencia mundial que controla os países, os alimentos, a enerxía… as súas multinacionais teñen un campo demasiado amplo e poderoso, con tódolos poderes ao seu servizo, isto é o gran reto da humanidade e da democracia.
A poboación debe desfrutar do máximo poder de decisión posible, hai que pelexalo.
Considero que canto máis localizado estea este poder, máis doado será controlalo, polo que non estou de acordo co centralismo, aínda que, tamén defendo que o poder debería ser gradual, piramidal.
Os concellos deben ter máis funcións, pero deben ser controlados polos veciños e tamén polos poderes superiores.
O control do poder por parte do pobo fai que o poder sexa máis honesto que poderoso.
Que a unión, ou o diálogo, chegue a un acordo mínimo é difícil, mesmo entre os maiores defensores da democracia, pero non queda outra que intentalo, unha e outra vez.
Se non acadamos bos resultados, só nos queda a violencia (mala cousa).
Pola miña banda, en beneficio da unión, “acepto polbo como animal de compañía”.



