DIÑEIRO E TIPOS HUMANOS (seguimos divagando)

O DIÑEIRO e os tipos humanos.

O diñeiro é querido e perseguido por toda clase de persoas pero, non representa o mesmo para todos, nin lles afecta da mesma forma.

O Tipo A e o diñeiro fan unha parella perfecta, o diñeiro favorece e/ou consolida os seus principais valores e ideais, dálle PODER, confirma o seu ÉXITO, aumenta o seu liderado, consegue máis RESPECTO, máis admiración, permítelle subir na escala social e achegarse aos seus ÍDOLOS e alternar con eles, poderá ter iate, palco no Bernabéu (por exemplo), fará moitas viaxes, irá a grandes eventos deportivos, musicais, etc… Saberá investir e gastar o seu diñeiro nos círculos de interese, seguiralle custando convidar a un viño aos  amigos de segunda (para o tipo A, o diñeiro ten máis valor ca eles), pero colaborará con asociacións benéficas, cruz vermella, cancro e outras, e, por suposto, con entes eclesiásticos e/ou patrióticos.

Pódese dicir que, en liñas xerais, e canto máis mellor, o diñeiro mellora ao tipo A, como dixemos, aumenta os seus valores, con todo, non adoita empeorar os seus puntos débiles que se manteñen case que intactos. O tipo A, con diñeiro, está na súa salsa. 
Quixera ser parte da burguesía.

Ao tipo B, cando lle chega diñeiro, desconcértao: malgástao, inviste mal, compra o que non debe, mestura o luxo co charramangueiro, os seus valores dilúense, adquire os defectos do tipo A, pero ningunha das súas virtudes, o seu comportamento é o do típico NOVO RICO, o diñeiro quédalle mal e canto máis, peor, trata de alternar en ambientes que non son os seus, pero nunca será aceptado polo tipo A, caerá no malgaste. tentará mercar o que non se pode con diñeiro e, posiblemente, acabará perdéndoo todo, incluso os mellores amigos de sempre, con todo, manterá, no básico, os seus valores, solidariedade, igualdade (menos) e a súa idea política seguirá sendo, en moitos casos, de esquerdas, a pesares do seu comportamento e aínda que viva nun sitio de luxo e os seus fillos estuden en centros de elite, privados.
Nalgúns casos, o diñeiro transfórmao de tal maneira que será irrecoñecible, incluso se volverá de ideoloxía non democrática…

O diñeiro sácao do seu sitio natural, andará perdido. Ter o suficiente para vivir é o mellor para el, manteno cos pes na terra.

Para estar en plenitude: o tipo B necesita compartir a súa vida coa sociedade, ter traballo, vivenda e, coa protección do Estado, tendo servizos públicos e sociais correctos, está satisfeito e é feliz, isto é o mellor para el e para tódolos demais, para os familiares, os veciños e os amigos, ou sexa, ter o suficiente… pero non demasiado.

Parece que o tipo B séntese ben dentro da chamada clase obreira.

O tipo M: o diñeiro non mellora ao tipo M, que adoita ser bo por natureza, o diñeiro mellora a vida do tipo M, recíbeo con alegría, axudaralle a gozar máis da LIBERDADE, viaxará moito máis, vestirá mellor, comerá en bos restaurantes, comprará arte, mellorará a súa vivenda, gozarao, buscará e terá calidade de vida, polo demais, non cambiará de maneira significativa os seus costumes, nin o seu carácter, conservará aos seus amigos de sempre e terá cada vez máis e máis, para compartir con eles, sobre todo, o seu lecer, sen intereses especiais, máis que sacarlle zume á vida e desfrutar dela.
O tipo M é un intelectual e/ou un artista, con diñeiro, mellora a vida del e a do seu entorno.

Facendo esta reflexión, cheguei, sen darme conta, a conclusión de que ás clases sociais existen e teñen o seu fundamente, precisamente na forma de ser da xente, de cada quen.

Ata o próximo pensamento, ou arroutada…