AS CIRCUNSTANCIAS…

AS CIRCUNSTANCIAS

Sempre me tiña parecido que a afirmación de Ortega y Gasset:
“Yo soy yo y mi circunstancia, y si no la salvo a ella no me salvo yo”, era, para min, unha frase de pouca monta, agora que xa son vello, cambiáronme os pensamentos, paréceme que esta frase ten moito fundamento, diría que ten moito máis calado do que se ve a primeira vista e, inda así, pode que se quede curta, a idea é tan profunda que non resulta nada doado mergullarse nela, e menos, que poidas chegar a unha conclusión que te deixe, máis ou menos, satisfeito.

Recentemente hai moita presenza, nos medios audiovisuais, de xente falando do máis alá, da alma, do espírito, da conciencia ou da supra conciencia. Saen testemuñas de “Experiencias Cerca da Morte”, onde contan supostos contactos con antepasados e seres de luz, senten que están de volta na casa, na casa de todos, falan marabillas, alí todos somos un, todo é felicidade…

Ben, todo isto levoume a divagar un pouco sobre este tema, que é, quizais, demasiado profundo para a miña capacidade natatoria:
E se, de verdade, todos foramos o mesmo espírito, a mesma alma, unha gota do mesmo e inmenso mar espiritual, e na realidade o único que temos de diferente son as circunstancias, as circunstancias que cada gota atopa fora dese mar…

A ver, resulta que un cacho (unha gota) do espírito superior (o mar común a todos) decide, por vontade propia, pasar pola experiencia dunha vida física, corpórea, elixe onde e como, en que familia, situación de saúde, sexo, capacidade intelectual, etc. nese caso, o que el será realmente, o que lle dará a personalidade terreal, serán as súas circunstancias, boas ou malas…
Se é que, no fondo, somos totalmente iguais, o que realmente somos aquí, o que nos diferencia a fin de contas, pertence na súa maioría ó envase, ó corpo, a supra conciencia non a usamos, nin sequera sabemos nada dela, mentres estamos neste val de bágoas, do que somos unha gota contaminada de circunstancias que nos van a definir como persoa.

De ser certo, isto dálle un valor superior as circunstancias, elas mandan en nós, son as que conforman a nosa realidade: seremos guapas ou feos, ricos ou pobres, listos ou parvos, finos ou brutos, viviremos en paz ou en guerra, con conflitos sempre, seguramente. O noso cometido será vencer as tentacións deste mundo para volver con éxito a nosa casa celestial, co deber cumprido ou non, despois de vivir unha experiencia que no eido espiritual non é posible: desexos sexuais, fame, frío, calor, etc. A verdade é que, a loita superior e máis valiosa, supoño, que a mellor experiencia vital é a que sexa máis dura, a que teña máis dor, máis sufrimento, máis sacrificio, o difícil que pode resultar chegar a ser boa persoa nas peores circunstancias.

En definitiva:
Eu son as miñas circunstancias, e ti, as túas.

Tendo en conta todo isto, non é que sexamos irmáns, é que somos o mesmo, con diferentes circunstancias. Teríamos que querernos máis, axudarnos, respectarnos, coidar uns dos outros, ser capaces de ver que esta vida é unha especie de xogo no que nós non somos nós, somos uns intérpretes, estamos facendo un papel sen sabelo. A volta a casa será moito más doada se ollamos esa realidade, se actuamos con amor e perdoamos a todos os nosos debedores, con iso estaremos pasando o exame axeitadamente.

A isto hai que darlle outra volta, se queda como está é que quedou sen volta, non tiven tempo, non souben que dicir ou faltáronme as gañas; en todo caso, vos podedes darlle esas voltas, ou outras…

0 respostas

Deixa un comentario

Quere entrar no debate?
Síntase libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *