Capítulo 22 – Despedida

DESPEDIDA

Ben, ata aquí cheguei, de momento, isto non é un punto e final, é un punto e seguido, un ata logo, por dous motivos:
O primeiro está moi claro, a vida segue e aparecerán novas personaxes, e novos aconteceres, que serán dignos de entrar nesta lista de ADN galego.
O segundo está aínda máis claro, aquí falta xente, esa xente que falta a teremos que ir incluíndo, a medida que nos demos conta, tamén é posible que sobren algúns…
Isto é unha recompilación que espera seguir recompilando…
Aproveito para agradecer calquera tipo de achega ou comentario sobre o contido e o continente, estamos dispostos a corrixir todo o corrixible, seguro que é moito e, por suposto, a incluír os que faltan e o merezan, tamén a suprimir aos que non deben estar, si os houbera. Grazas a todos os que participen ou queiran participar en pulir esta primeira pedra, espero que sirva para construír un edificio enorme de ADN galego ou, polo menos, para que alguén asuma o reto de elaborar un proxecto mellor e consiga que este pobo, meu e voso, poida ter un lugar onde rebuscar na historia e onde caiban todas as grandes obras e todos os que fixeron algo destacable, de forma verdadeira, ordenada e atractiva.

Antes de marchar quero dicir que, aínda que teña pouco interese para os demais, eu son galego e considérome español; son español a través de ser galego, non podería ser español se deixo de ser galego, ou sexa, ser galego é a miña única porta de entrada para ser español, dito isto, tamén quero dicir que, a pesar de non estar de acordo coa forma que tiveron os reis Católicos de unir España, recoñezo que no fondo era, e segue sendo, unha meta a perseguir.
Estou totalmente convencido de que unha España unida é o mellor para todos, pero esta unión debe respectar a diversidade dos seus pobos, das súas diferentes linguas e costumes.
Teño que confesar que me doe non dominar a lingua que falo, lamento profundamente que o galego estivese perseguido nas escolas, que os nenos foramos castigados por meter palabras galegas no medio dun mal castelán, agora non me sinto con forzas para empregar o galego escrito, unha pena, bo, disto non teñen a culpa os reis Católicos, isto é cousa de Franco e da miña pouca vontade, os galegos temos o inimigo na casa, desde sempre… Como son teimudo, ao final fíxeno, mal, pero fíxeno, e aquí está.
Os males de España, tenos Galicia multiplicados, incluídas as lendas negras…
Un abrazo virtual a todo o que pase por aquí.

JOSÉ SANTIAGO GARCÍA REY

 

 

 

0 respostas

Deixa un comentario

Quere entrar no debate?
Síntase libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *