ADN galego (moito rolo)

ADN galego

Aproveitarei algunha ocasión para comentar algunha cousa sobre as raíces que perdemos, sobre todo, no que respecta a lingua. Por exemplo perdemos o uso da J (con son X), é un efecto secundario da aprendizaxe castelán, todo o que levaba J substituíuse por X, deberiamos aprender a escribir e pronunciar a J coma no portugués.

Esquecemos o uso de palabras que, non fai moito, eran moi usadas, como «medrar» (substituído por crecer) e «prender» (atar, amarrar, arraigar, colgar, acender, enganchar, suxeitar)

Temos palabras que perderon letras e parte do sentido, a min séguenme gustando páa, sóo sáa ou áas, non sei como se pode cantar… «nas áas do vento…», en fin, perderan o «L» e agora perden unha vogal… e algo do sentido.

Nalgúns casos, cámbiase o sentido orixinal do obxecto ao galeguizar o castelán, xusto como cando se castelanizou o galego, por exemplo, «oxalá» tráeno de ojalá, o tradicional e correcto era ogallá. Noutros casos invéntase un pouco, por exemplo, chámase «vertedoiro» ao sitio onde se pon a louza, para a min é un erro, vertedoiro é o lugar onde se verte o que sexa, o nome correcto, neste caso, é «vertedeiro» (o que verte), ou sexa, a louza non se verte nel, a louza ponse nel a verter, a escorrer, por iso debe chamarse vertedeiro non vertedoiro, ó meu humilde entender.

Acórdome da miña escola da aldea, bisexual e de tódalas idades, como a moitos se lles resistía o castelán e soltaban:
Toaja, por toalla, laranja, por naranja ou boteja, por botella; chanchar, por morder (por certo, agora ninguén di chanchar, antigamente era moi usado, chanchaban os cans e chanchabamos nós, todo iso era obxecto de burla e dalgunha labazada. Tamén aparecía o erro de conxugación, por exemplo, caíase no «andó» (do andou galego), por anduvo…

Quero comentar, de pasada, que na miña nenez, non fai moito…, nas aldeas, coma miña, era habitual que se coñecese á xente por alcumes, sobrenomes… para iso usábanse, lugares, oficios, un familiar coñecido, un defecto ou unha calidade, por exemplo:
-Manolo «o dá Lameira», «o do Pombal», o dá Torre», «o de Fabal», «os da Ponte» etc. (en canto a lugares);
-«o de José María» «o de Castro» «o de Varela», «os de Chan» «os do Cura» etc., pola familia ou proximidade;
-por alcumes persoais había «o Chosco», «o Chepudo» «o Dentán» «o Coxo», «o Manco», «o Roxo» etc.;
-por oficio: «os do Canteiro» «do Ferreiro» «o Zapateiro», «o Cesteiro», «o Cereiro»…,
-algúns son honorarios: «os do Duque» «o Conde», «o de don fulano…»

En fin, ninguén se libraba do seu alcume, sen el, non eras recoñecido…, eu era, de pequeno «pepiño o do con», o lado da miña casa había un con grande por onde pasaba a estrada e alí facía a “volta do con”, algúns tamén me chamaban “dentán” (parece que debería ser dentón), cando me cambiaron os dentes saíronme bastante grandes e eu era miúdo…

Observei que nos pobos de Castela resólveno doutra maneira, poñen uns nomes que xa non necesitan alcume ou necesítano pouco:
Ciriaco, Zenón, Teodomira, Justiniano, etc. con estes nomes, realmente, para que queres alcumes…

Este tema enroloume tanto que o acabei convertendo nun libro… ó libro chámolle ADN Galego.
Como podedes ver, o libro anda por aí, pódese ver en adngalego.es

P.D.
Por se queredes velo vouvos dicir o que podedes atopar nel: historia, tradicións, personaxes, costumes, monumentos, pobos, imaxes…
Buscamos as raíces, facemos un seguimento a través do tempo e o espazo onde hai ADN Galego oculto.
Atopamos xente que destacou por algo, na aventura, nas guerras, na política, nas artes, nos deportes, etc.
Tamén buscamos na paisaxe, praias, montes, castros, illas, igrexas, catedrais.