INDEPENDENCIA (¡puf!)
A INDEPENDENCIA
Neste momento, está de rabiosa actualidade a reclamación, por parte dalgunha autonomía, do dereito a decidir, de autodeterminación; ata certo punto, estou de acordo, a cuestión está no que, decidir que, autodeterminación para que.
Amigos, non é para alcanzar algún nivel de competencia, ou para conseguir algún proxecto, máis ou menos vital, NON!, esixe o dereito para decidir a INDEPENDENCIA de goberno, para ser unha nación con goberno propio.
Temos un gran problema, a independencia non existe, só hai graos de dependencia, de bastante a moita, nin os grandes países, como Alemaña, son independentes, só achéganse os moi poderosos, como EE.UU., Rusia ou China, que case poden facer o que lles dá a gana, pola lei da forza, si, hai que ser moi poderoso para que che respecten ese dereito, vai depender da pertenza actual dese territorio, poderíase facer a pregunta que oía de pequeno pola miña aldea, antes de nada:
“¿E ti de quen ves sendo?”…
Está claro que unha Comunidade Autónoma de España, non pode ser independente, ó meu entender, ningunha comunidade ten a historia nin a base que lle de dereito a ser independente legalmente, ningún organismo internacional lle pode dar apoio a unha demanda deste calibre; debería, en todo caso, loitar por competencias que lles sexan importantes, en base á súa realidade, por exemplo, Galicia debe tentar conseguir toda a competencia sobre a súa pesca, entre outras.
Quero dicir que Galicia é, entre todas, a que ten máis dereitos, –Territorio definido (sen contar O Bierzo), –lingua propia, e ten a honra de ser o primeiro reino de Europa, podédelo ver no capítulo IV do meu libro, Adngalego.es: O reino Suevo de Galicia.
Cataluña nunca tivo reino propio, o País Vasco, menos, si o tiveron Navarra ou Granada, pero…
Por outra banda, considero que unha independencia de calquera das Comunidades Autónomas, non sería boa para España, nin para as outras comunidades, nin para a propia comunidade que conseguise a dita independencia, nin comercialmente, nin socialmente, nin economicamente…
Coido que o mellor para todos nós é a unión, ó dicir nós refírome a tódolos españois, incluídos os que non queren selo, sen ningún tipo de dúbida, o mellor é a unión entre nós, con Europa, con Hispanoamérica e co resto do mundo, calquera tipo de negociación será mellor estando dentro de España que por libre.
Sei que hai algúns independentistas, a maioría deles enganados, pero na realidade son 4 cataláns, 3 vascos e 1 galego… pode que haxa outros paisanos perdidos pola xeografía española que tamén a desexan, creo que están mal informados, non estaría de máis que houbera algúns programas de radio e de televisión falando deste tema en profundidade, das vantaxes e dos inconvenientes de tal medida, non por nada, senón por poñer cada cousa no seu sitio, para tranquilizar á xente e que deixen de facer as barbaridades que acostuman a facer de vez en cando, por algo que non pode ser.
Sorpréndeme neste senso a postura dos partidos de esquerdas, na teoría son globais, internacionais; dende logo non son nacionalistas, a súa patria é a xente… pero, resulta que, agora, son nacionalistas locais, incluso moi independentistas, parece que para ser máis de esquerdas hai que ser máis antiespañol, inventar unha bandeira e xa.
Todas as nosas comunidades teñen percorrido para alcanzar un maior nivel das súas competencias, nisto si que estou de acordo, a proximidade do poder de decisión é boa para resolver moitos problemas.
Hai reformas imprescindibles na Constitución, por aí teñen que ir as reclamacións e os acordos, este si que é un bo campo de batalla, aquí está a nosa verdadeira loita cidadá.
Como xa dixen noutro lugar, é irrenunciable o dereito a OPINAR de todos e cada un, tamén o dereito a decidir sobre amplos temas, pero, declárome contrario ao suposto dereito a decidir sobre a independencia de ningunha Comunidade Autónoma, se non hai unha posibilidade de acordo entre as partes:
Só a guerra pode outorgar a independencia, se se gaña, claro.



