APETITOS (vaguedades)
APETITOS
Alimento, sexo, apetencias…
A natureza, tódolos seres vivos, avanza, evoluciona, en base, e grazas, aos apetitos, o comezo está no alimento, é a primeira necesidade, algunhas plantas búscano na profundidade e compiten porque as súas raíces cheguen o máis profundo posible, máis cas veciñas, outras, buscan abarcar a máxima superficie, outras son invasoras, algunhas viven nos sobacos das árbores, en fin vanse adaptando, evolucionando, competindo con outras especies, para atopar o alimento que lles axude a sobrevivir, preto da auga, no deserto ou onde se achen…
Os animais actúan de forma parecida, os herbívoros buscan as súas mellores zonas e compiten por elas, os perdedores deben adaptarse a outros alimentos ou a outros lugares. Os carnívoros van detrás dos herbívoros, quedan onde hai máis, marcan o seu territorio, están en continua loita contra todo tipo de rivais.
O outro apetito que guía a natureza é o sexo, a reprodución é fundamental para calquera especie, é a única maneira, se quere permanecer neste mundo.
Para reproducirse, as plantas inventaron marabillosas flores, de fermosas cores e doces sabores, coa finalidade de atraer a insectos e paxaros que axudarán a exercer a función de polinizar, necesaria para alcanzar as súas metas existenciais… outras, ofrecen os seus saborosos froitos para que as súas sementes se esparexen buscando outros territorios.
Os animais seguen distintas pautas para reproducirse, algunha son misteriosas, sorprendentes, como a viaxe das anguías ou dos salmón, a metamorfose das bolboretas, ou das ras.
As abellas teñen unha monarquía, feminina, moi tirana cos obreiros, as formigas son máis sociais; nalgunhas especies, o macho ten que morrer, noutras, os machos, convértense en bailaríns para convencer á femia, noutras, o macho compite cos outros machos, o gañador é o macho alfa, neste caso a femia non ten nada que dicir.
Todos os sistemas son válidos e tratan de mellorar a especie ou, polo menos, mantela viva…
O home foi modificando a súa forma de actuar, ao principio, o seu comportamento era similar ao doutras especies que buscan ao macho alfa, ao xefe da tribo… máis tarde viñeron os matrimonios, algúns de pura convenencia, sen amor, por xuntar algunhas terras, por intereses económicos, etc.
O gran cambio veu cando unha gran parte da humanidade tivo, practicamente, máis ou menos cubertas as súas necesidades alimentarias e sexuais, entón, coas súas necesidades vitais cubertas, chegaron as «apetencias», apareceu o negocio do lecer, as viaxes, as vacacións, as festas, as orxías, os luxos…
Aparece outra forma de loitar, onde, o máis forte, é un máis, incluso o máis listo é un máis, aparece o poder do diñeiro, o poder do rico cos seus ocultos poderes… aparece o trato, a trata, a especulación, as drogas, as mafias, as bandas, os desafiuzamentos e os okupas, aparecen os clubs de millonarios para gobernar o mundo, algúns non teñen media hostia, pero iso xa non importa, o poder cambiou, a ver canto dura…
Estas apetencias, que son apetitos innecesarios, son na actualidade de vital importancia para a maior parte da sociedade, sen ter necesidade de nada, imos a gastar diñeiro por presumir, por alardear mercamos un gran coche que non nos fai falla e que consume unha barbaridade…, mercamos roupa de marca, imos a restaurantes finos, de bares, queremos os mellores teléfonos móbiles ou desprazámonos para asistir a un concerto moi caro a moi lonxe…
Pedimos cartos ó banco para facer unha viaxe fora das nosas posibilidades, en fin, o mundo cambiou un mundo… e seguirá cambiando, os da miña idade tivemos unha variada experiencia vital, ó primeiro tocounos unha etapa de moita xente analfabeta, moi escrava, pasamos de escribir con pluma á mecanografía, de non ter radio nin televisión, nin balóns, nin nada, a toda esta vórtice dixital que nos envolve.
Digo todo isto, porque me apetece…



