Memoria sen historia

Memoria

A MEMORIA

Está claro que a memoria é selectiva, cada quen recorda as cousas seguindo algunha indicación cerebral ou instintiva, sempre moi persoal, inda que… pode ser inducida.

Como se puxo de moda falar da memoria histórica, cos matices propios de cada ideoloxía… doume a arroutada de que podía dar a versión da miña memoria, non pretendo que sexa a histórica, pretendo que sexa a miña memoria máis fiel dos aconteceres do país, acompañada da contada polos meus cercanos e fiables, con algunha nota da escrita por xente máis ou menos coñecida e/ou recoñecida.

Ben, a memoria que lle importa a xente non ten que ver comigo, tampouco ten que ver coa república, a guerra civil ou o franquismo, ten que ver coa idea política que teña cada quen, o que pasa é que eu teño que contar o que lle oín a miña familia, e ós veciños e achegados, cando menos na parte máis antigua e, tamén, o que percibín ó redor de min, sen filtros.

En primeiro lugar, hai que recoñecer que España levaba tempo andando mal, todo comezou co desastroso Fernando VII, con Godoy e con Napoleón, nesa época perdéronse as américas… pouco despois, Alfonso XIII demostrou non ter nin carácter nin personalidade, aparte doutros  defectos, nunhas eleccións municipais gañadas polos republicanos, foise, abandonou o país e o reinado, fuxiu.

A II República prometía, traía a democracia, o poder para o pobo, dereitos, igualdade… podémola dividir en 4 partes:

-A primeira etapa vai do 12 de abril do 1931 ata o 9 de decembro, cando se aproba a Constitución do 1931.
Ó meu entender, un dos seus máis grandes erros foi cambiar a bandeira, dou a entender a falla de respecto a España e a súa historia.
-A segunda (31-33) é liderada por Manuel Azaña (psoe), nunha coalición de partidos de esquerdas, modernizáronse moitas cousas, tamén houbo moitos enfrontamentos entre as esquerdas e unha forte oposición, o que provocou que houbera novas eleccións…
-O bienio conservador (33-35) dou marcha atrás do aprobado antes, formouse unha revolución e folgas, en Asturias, Cataluña…
-A cuarta foi outra coalición de partidos de esquerdas, o Frente Popular, outra vez Azaña na cabeza. A tensión foi en aumento e acabou no golpe de Estado que nos levou a guerra civil.

A guerra civil, ninguén está libre de pecado, o motivo principal do enfrontamento non foi a monarquía ou a república, foi, sobre todo, o enfrontamento entre a dereita e as esquerdas, a relixión ou o laicismo, está claro que o comportamento das esquerdas non era o correcto, asaltos, atentados contra comercios, contra a igrexa, etc. pero, a dereita andaba nas mesmas, atacando ós bandos da esquerda, os políticos da dereita non tiñan que reaccionar da maneira que o fixeron e o exército menos…

Aquí teño que mencionar ao meu pai, foi una boa persoa no senso máis extenso da palabra, sen dúbida; el estivo na guerra no bando “nacional” e mantivo a súa posición política ata a morte, temos falado bastante do tema, eu non podía entender esa postura; el dicía que os de esquerdas non se sentían españois, gritaban: ¡viva Rusia Soviética! e ondeaban a bandeira roxa, desprezando a de España, eu creo totalmente a súa vivencia, inda que fora parcial, era verdadeira…
Debo engadir que teño atopado moita xente de dereitas de grandes calidades e grande corazón, incluso máis que na esquerda, con todo, a miña postura política é de esquerda, eso si, considero que bastante moderada, por momentos.

O franquismo foi moi longo e moi duro, podo afirmalo a pesares de non ter vivido a parte máis dura, oín demasiados testimonios para ter dudas, houbo persecucións, roubos, abusos de todo tipo, por parte de autoridades, dos curas, dos veciños, en fin, imposible negalo.

Polo que a min respecta, recordo unha infancia rodeada de moita xente que traballaba de sol a sol e non tiña para comer, e menos para outras cousas, había malos camiños e mala forma de andar, sen luz eléctrica e sen futuro, esta é a etapa da emigración, por esta orde: a Cuba, Venezuela, Uruguay, Brasil e, sobre todo a Arxentina, a Bos Aires…
Na miña xuventude empezou a mellorar a cousa, falamos de finais dos 60 en diante, aí empezou a ollarse un chisco de esperanza, é certo que seguía habendo moita emigración, pero era distinta, estes volvían a casa, era a emigración europea.
Nese tempo a xente empezou a poder mercar roupa e algún luxo pequeno, bicicletas, motos e ata algún coche, había mellores estradas, había traballo mellor pagado, máis negocios, mellor preparación escolar, íase ó cine, había salas de baile…
Hai que recoñecer que houbo un comezo de revolucións políticas moi agresivas, o grapo, eta, etc. a represión nunca afrouxou.
No 1975, en xaneiro, pasei a traballar nun banco, eso xa era outra cousa, era unha vida coma a de agora, ou mellor, se non te metías en política. En novembro do mesmo ano morreu Franco, algúns coidan que aínda está vivo… os atentados terroristas seguiron moito tempo.

Franco tiña deixado todo “atado e ben atado”, a monarquía, o exército, o poder xudicial… algunhas cousas cambiaron, algún nó segue…
A democracia comezou, no 1978 aprobouse a Constitución Española, para a esquerda máis radical é “O Réxime do 78”.
Recordo a miña ilusión nesa primeira etapa da democracia, considero que foi moi boa, con moita liberdade e moitos avances sociales, gardo un bo recordo de Adolfo Suárez e de Felipe González (como presidente, non así como “floreiro chino”).

Ía dicir máis cousas, pero fóiseme a memoria, non sei o porqué…

0 respostas

Deixa un comentario

Quere entrar no debate?
Síntase libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *