A TRANSICIÓN
A TRANSICIÓN
Quero contar aquí algunhas das miñas vivencias, os recordos e a miña impresión, en xeral, da transición desde o tempo pasado a este presente, non é que sexan especiais, nin importantes, senón que, por tratarse dunha etapa moi controvertida da que se fala moito nestes momentos, debido ós franquistas, por un lado, e algunhas esquerdas, por outro. Sen máis preámbulos imos a intentar dar unha versión ceibe, sen prexuízos.
Teño que dicir, en primeiro lugar, que nacín no ano 1949 na Adina, unha aldea do concello de Sanxenxo, hoxe non está mal, daquela parecía que estivese máis lonxe, non tiña estrada e os camiños eran lameiros case todo ano… chovía moito máis que agora.
Ben, cando era cativo non había electricidade (puxérona cando eu tiña 6 ou 7 anos), recordo o uso de velas, as lámparas de aceite, o carburo… ah, debo dicir que nós tiñamos unha tenda/bar, onde había de case todo o que se usaba na época, na tenda vendíase moito polo miúdo… cuarteiróns de aceite, un real de algo ou un pataco de aquel outro. Moito a deber. No bar consumían pouco, en xeral, máis ben ían a botala partida de brisca (de seis) ou outros xogos de cartas.
Recordo que había moita xente de loito, sobre todo mulleres, unha rapaza da miña idade botou máis de dez anos pola morte de avós e tíos, ademáis de outros dous ou tres de alivio, onde podía poñer algunha roupa doutras cores, non rechamantes…
Algúns vellos usaban a roupa tan vella que levaban os remendos remendados.
Os rapaces tiñan que axudar a traballar, faltaban moito a escola.
Cando tiña 12 anos, trouxérenme os reis unha bicicleta, foi a envexa de grandes e pequenos, empecei a ir a Portonovo, xa había unha mala estrada, sen asfaltar, pouco máis adiante, tamén ía a Sanxenxo, empezábanse a ver algúns dos que chamabamos bañistas, as mulleres tíñano difícil, non estaba ben visto que ensinaran o corpo. Ía a pasantía a estudar, por libre, o bacharelato, daquela eramos poucos…
Despois de pasar uns anos en Pontevedra (no Sagrado Corazón) co bacharelato superior e o PREU, estiven un ano en Vigo (Ingeniería Técnica), de aí recordo as moitas folgas que houbo, moito cine, pouco estudar (non me gustaba)… saquei o carné de conducir.
Empecei a estudar temas distintos, para saídas con bo mercado de traballo, taquigrafía, mecanografía, cálculo, contabilidade, todo por libre. Fun a mili, alí deime conta do que vale o poder establecido, os galóns… con todo, non teño un mal recordo dela.
Pouco tempo despois de cumprir o servizo militar caseime, por asuntos de estado… seguín preparándome para oposicións, neste caso, especialmente, para a banca, á terceira foi a vencida e aprobei a entrada en Caixavigo, que se demorou un ano.
Empecei a traballar o 2-1-1975 na caixa, en Cambados, venme a memoria a cantidade de pensionistas que non sabían firmar, tamén me sorprendeu que as mulleres no podían abrir unha conta soas, tiña que haber un home, o pai, un irmán, etc. Ó principio facíase case todo a man nunhas planillas íanse anotando ingresos e saídas, tamén os recibos domiciliados, sobre todo, os de Fenosa (miúdo choio). Convén dicir que a mayoría da xente da miña idade traballaba moito e gañaba pouco, moitos eran emigrantes deles chegaba moito diñeiro, marcos alemáns, floríns holandeses, francos suízos, franceses, belgas… Os intereses eran altos, en xeral, as contas de emigrante tiñan bos réditos. Os maiores traballaban inda máis, algúns facían dous turnos, polo día no campo e pola noite ó mar.
Teño que declarar que os soldos da caixa eran moi altos, e eso que había moita competencia, neste tema estamos peor, tanto os empregados coma os clientes, os que están mellor son os directivos e os accionistas.
Ben, como sabedes, en novembro do 1975, morreu Franco, houbo cambios na actitude de moita xente, algúns dos que falaban castelán pasaron a falar un galego especial, distinto do meu que o falei sempre; fixéronse moitos partidos políticos, que desapareceron.
Coa democracia empezáronse a facer declaracións da renda, daquela maneira… e a pagar impostos doutra forma.
Votamos, pero de pouco vale, ó final fan o que lles da a gaña, non podemos controlar, non nos deixan, eso si, podemos falar, incluso insultar. Considero que a democracia debería ir máis alá, ser máis participativa.
No aspecto social non houbo moito cambio, a sociedade xa viña cambiando desde finais dos 60, refírome a guateques, bailes, bodas, festas… no aspecto laboral tampouco se notou moito, o cambio foise facendo pouco a pouco, pasou o mesmo cos comercios, antes eran de autónomos, agora son grandes centros comerciales, realmente, esto ten pouco que ver coa política, máis ben e cousa do camiño que leva o mundo: que uns poucos gañen moito e que a mayoría gañe pouco. Se que cambiou a relación cos veciños, antes era case que unha familia, agora cada quen anda o seu, a facilidade para viaxar e comunicarse tamén lle afecta a isto.
Coido que os dereitos melloraron un montón, os deberes baixaron de nivel, o repecto case desapareceu, hai máis liberdade, as veces mal entendida, máis igualdade, a xustiza anda regular. Con todo, ninguén pode decir que agora estamos peor, nin na escola, nin na sanidade, nin na vida en xeral… coñecín algunha persoa maior que no fora nunca a Pontevedra, outras que tiñan ido andando a feira, para vender ou mercar unha vaca, hoxe en día, todo o mundo saíu da súa provincia, foi de vacacións por España adiante, ou fóra de España, por outro lado, de non ter que poñer, pasamos a comprar roupa sen que faga falla, non falemos de complementos…
Non sei se esperabades esta transición, pero transitamos.




Deixa un comentario
Quere entrar no debate?Síntase libre de contribuir