A MEMORIA

Está claro que a memoria é selectiva, cada quen recorda as cousas seguindo algunha indicación cerebral ou instintiva, sempre moi persoal, inda que… tamén pode ser inducida.

Como se puxo de moda falar da memoria histórica, cos matices propios de cada ideoloxía… doume a arroutada de que podía dar a versión da miña memoria, non pretendo que sexa a histórica, pretendo que sexa a miña memoria máis fiel dos aconteceres do país, acompañada da contada polos meus cercanos e fiables, con algunha nota da escrita por xente máis ou menos coñecida e/ou recoñecida.

Ben, a memoria que lle importa a xente non ten que ver comigo, tampouco ten que ver coa república, a guerra civil ou o franquismo, ten que ver coa idea política que teña cada quen, o que pasa é que eu teño que contar o que lle oín a miña familia, e ós veciños e achegados, cando menos na parte máis antigua e, tamén, o que percibín ó redor de min, sen filtros.

En primeiro lugar, hai que recoñecer que España levaba tempo andando mal, todo comezou co desastroso Fernando VII, con Godoy e con Napoleón, nesa época perdéronse as américas… pouco despois, Alfonso XIII demostrou non ter nin carácter nin personalidade, aparte doutros  defectos, nunhas eleccións municipais gañadas polos republicanos, foise, abandonou o país e o reinado, fuxiu.

A II República prometía, traía a democracia, o poder para o pobo, dereitos, igualdade… podémola dividir en 4 partes:

-A primeira etapa vai do 12 de abril do 1931 ata o 9 de decembro, cando se aproba a Constitución do 1931, cousa boa.
Ó meu entender, un dos seus máis grandes erros foi cambiar a bandeira, dou a entender a falla de respecto e de amor a España e a súa historia, ademais non contou coa a dereita para nada e púxose contra a igrexa da peor maneira, cousa mala.
-A segunda (31-33) é liderada por Manuel Azaña (psoe), nunha coalición de partidos de esquerdas, modernizáronse moitas cousas, tamén houbo moitos enfrontamentos entre as esquerdas e unha forte oposición, o que provocou que houbera novas eleccións…
-O bienio conservador (33-35), con Lerroux e Gil Robles, dou marcha atrás do aprobado antes, formouse unha revolución e folgas, en Asturias, Cataluña…
-A cuarta foi outra coalición de partidos de esquerdas, o Frente Popular, outra vez Azaña na cabeza. A tensión foi en aumento e acabou no golpe de Estado que nos levou a guerra civil.

A guerra civil, ninguén está libre de pecado, o motivo principal do enfrontamento non foi a monarquía ou a república, foi, sobre todo, o enfrontamento entre as dereitas e as esquerdas, a relixión ou o laicismo, está claro que o comportamento das esquerdas non era o correcto, asaltos, atentados contra comercios, contra a igrexa, etc. pero, a dereita andaba nas mesmas ou peores, atacando ós bandos da esquerda.
Os políticos da dereita non tiñan que reaccionar da maneira que o fixeron e os militares, menos…

Aquí teño que mencionar ao meu pai, foi una boa persoa no senso máis extenso da palabra, sen dúbida; el estivo na guerra no bando “nacional” e mantivo a súa posición política ata a morte, temos falado (ou discutido) bastante do tema, eu non podía entender esa postura; el dicía que os de esquerdas non se sentían españois, gritaban: ¡viva Rusia Soviética! e ondeaban a bandeira roxa, desprezando a de España, eu creo totalmente a súa vivencia, inda que fora parcial, foi verdadeira…
Debo engadir que teño atopado moita xente de dereitas de grandes calidades humanas e grande corazón, incluso máis que na esquerda, con todo, a miña postura política é de esquerda, eso si, considero que bastante moderada… por momentos.

O franquismo foi moi longo e moi duro, podo afirmalo a pesares de non ter vivido a parte máis dura, oín demasiados testimonios para ter dudas, houbo persecucións, roubos, abusos de todo tipo, por parte de autoridades, de curas, de veciños, en fin, imposible negalo.

Polo que a min respecta, recordo unha infancia rodeada de moita xente que traballaba de sol a sol e non tiña para comer, e menos para outras cousas, había malos camiños e mala forma de andar, sen luz eléctrica e sen futuro, esta é a etapa da emigración que seguiu, mais ou menos, esta orde, despois de México e Cuba: Venezuela, Uruguay, Brasil e, sobre todo, a Arxentina, a Bos Aires…

Na miña xuventude empezou a mellorar a cousa, falamos de finais dos 60 en diante, aí empezou a ollarse un chisco de esperanza, é certo que seguía habendo moita emigración, pero era distinta, estes volvían a casa, era a emigración europea.
Nese tempo a xente empezou a poder mercar roupa e algún luxo pequeno, bicicletas, motos e ata algún coche, había mellores estradas, había traballo mellor pagado, máis negocios, mellor preparación escolar, íase ó cine, había salas de baile. Hai que recoñecer que moita xente podía facer unha casa, había colaboración e a maioría sabía algún oficio.

Houbo, tamén, un comezo de revolucións políticas moi agresivas, o grapo, eta, etc. a represión nunca afrouxou.
No 1975, en xaneiro, pasei a traballar nun banco, eso xa era outra cousa, era unha vida coma a de agora, ou mellor, se non te metías en política. En novembro do mesmo ano morreu Franco, algúns coidan que aínda segue vivo… os atentados terroristas seguiron moito tempo.

Franco tiña deixado todo “atado e ben atado”, a monarquía, o exército, o poder xudicial… algunhas cousas cambiaron, algún nó segue…

A democracia comezou, no 1978 aprobouse a Constitución Española, para a esquerda máis radical é “O Réxime do 78”.

Recordo a miña ilusión nesa primeira etapa da democracia, considero que foi moi boa, con moita liberdade e moitos avances sociales, gardo un bo recordo de Adolfo Suárez e de Felipe González (como presidente, non así como “floreiro chino”).

Ía dicir máis cousas, pero fóiseme a memoria, non sei o porqué…

A TRANSICIÓN

Quero contar aquí algunhas das  miñas vivencias, os recordos e a miña impresión, en xeral, da transición desde o tempo pasado a este presente, non é que sexan especiais, nin importantes, senón que, por tratarse dunha etapa moi controvertida da que se fala moito nestes momentos, debido ós franquistas, por un lado, e algunhas esquerdas, por outro. Sen máis preámbulos imos a intentar dar unha versión ceibe, sen prexuízos.

Teño que dicir, en primeiro lugar, que nacín no ano 1949 na Adina, unha aldea do concello de Sanxenxo, hoxe non está mal, daquela parecía que estivese máis lonxe, non tiña estrada e os camiños eran lameiros case todo ano… chovía moito máis que agora.
Ben, cando era cativo non había electricidade (puxérona cando eu tiña 6 ou 7 anos), recordo o uso de velas, as lámparas de aceite, o carburo… ah, debo dicir que nós tiñamos unha tenda/bar, onde había de case todo o que se usaba na época, na tenda vendíase moito polo miúdo… cuarteiróns de aceite, un real de algo ou un pataco de aquel outro. Moito a deber. No bar consumían pouco, en xeral, máis ben ían a botala partida de brisca (de seis) ou outros xogos de cartas.

Recordo que había moita xente de loito, sobre todo mulleres, unha rapaza da miña idade botou máis de dez anos pola morte de avós e tíos, ademáis de outros dous ou tres de alivio, onde podía poñer algunha roupa doutras cores, non rechamantes…
Algúns vellos usaban a roupa tan vella que levaban os remendos remendados.
Os rapaces tiñan que axudar a traballar, faltaban moito a escola.

Cando tiña 12 anos, trouxérenme os reis unha bicicleta, foi a envexa de grandes e pequenos, empecei a ir a Portonovo, xa había unha mala estrada, sen asfaltar, pouco máis adiante, tamén ía a Sanxenxo, empezábanse a ver algúns dos que chamabamos bañistas, as mulleres tíñano difícil, non estaba ben visto que ensinaran o corpo. Ía a pasantía, a estudar por libre o bacharelato, daquela eramos poucos…

Despois de pasar uns anos en Pontevedra (no Sagrado Corazón) co bacharelato superior e o PREU, estiven un ano en Vigo (Ingeniería Técnica), de aí recordo as moitas folgas que houbo, moito cine, pouco estudar (non me gustaba)… saquei o carné de conducir.
Empecei a estudar temas distintos, para saídas con bo mercado de traballo, taquigrafía, mecanografía, cálculo, contabilidade, todo por libre. Logo fun a  mili, alí deime conta do que vale o poder establecido, os galóns… con todo, non teño un mal recordo dela.

Pouco tempo despois de cumprir o servizo militar caseime, por asuntos de estado… seguín preparándome para oposicións, neste caso, especialmente, para a banca, á terceira foi a vencida e aprobei a entrada en Caixavigo, que se demorou algo máis dun ano.

Empecei a traballar o 2-1-1975 na caixa, en Cambados, venme a memoria a cantidade de pensionistas que non sabían firmar, tamén me sorprendeu que as mulleres no podían abrir unha conta soas, tiña que haber un home, o pai, un irmán, etc. Ó principio facíase case todo a man, nunhas planillas íanse anotando ingresos e saídas, tamén os recibos domiciliados, sobre todo, os de Fenosa (miúdo choio). Convén dicir que a mayoría da xente da miña idade traballaba moito e gañaba pouco, moitos eran emigrantes deles chegaba moito diñeiro, marcos alemáns, floríns holandeses, francos suízos, franceses, belgas… Os intereses eran altos, en xeral, as contas de emigrante tiñan bos réditos. Os maiores traballaban inda máis, algúns facían dous turnos, polo día no campo e pola noite ó mar.
Teño que declarar que os soldos da caixa eran moi altos, e eso que había moita competencia, neste tema estamos peor, tanto os empregados coma os clientes, os que están mellor son os altos directivos e os accionistas.

Ben, como sabedes, en novembro do 1975, morreu Franco, houbo cambios na actitude de moita xente, algúns dos que falaban castelán pasaron a falar un galego especial, distinto do meu que o falei sempre; fixéronse moitos partidos políticos, que desapareceron na maior parte.
Coa democracia empezáronse a facer declaracións da renda, daquela maneira… e a pagar impostos doutra forma.
Votamos, pero de pouco vale, ó final fan o que lles da a gaña, non podemos controlar, non nos deixan, eso si, podemos falar, incluso insultar. Considero que a democracia debería ir máis alá, ser máis participativa.

No aspecto social non houbo moito cambio, a sociedade xa viña cambiando desde finais dos 60, refírome a guateques, bailes, bodas, festas… no aspecto laboral tampouco se notou moito, o cambio foise facendo pouco a pouco, pasou o mesmo cos comercios, antes eran de autónomos, agora son grandes centros comerciales, realmente, esto ten pouco que ver coa política, máis ben e cousa do camiño que leva o mundo: que uns poucos gañen moito e que a mayoría gañe pouco. Si que cambiou a relación cos veciños, antes era case que unha familia, agora cada quen anda o seu, a facilidade para viaxar e comunicarse tamén lle afecta a isto.

Coido que os dereitos melloraron un montón, os deberes baixaron de nivel, o repecto case desapareceu, hai máis liberdade, as veces mal entendida, máis igualdade, a xustiza anda regular. Con todo, ninguén pode decir que agora estamos peor, nin na escola, nin na sanidade, nin na vida en xeral… coñecín algunha persoa maior que no fora nunca a Pontevedra, outras que tiñan ido andando a feira, para vender ou mercar unha vaca, hoxe en día, todo o mundo saíu da súa provincia, foi de vacacións por España adiante, ou fóra de España, por outro lado, de non ter que poñer, pasamos a comprar roupa sen que faga falla, non falemos de complementos…

Non sei se esperabades esta transición, pero transitamos.