TIPOS HUMANOS (divagacións)
Cheguei a conclusión de que os humanos poden clasificarse en tres tipos, que poderíamos chamar A, B e M, por exemplo. Cada un deles é o depositario dun xeito de ser que o leva a ser o que é.
Ben, estes tipos non son puramente A, B ou M, son combinacións:
AM ou BM ou, máis raramente, AB, contraditoria, impactante, cunha especie de bipolaridade.
Agora enumeraremos as características de cada tipo:
O tipo “A” é un tipo de símbolos: unha bandeira, un país, unha cruz, unha espada ou un himno…
É un tipo de ideas: de fe, de honra (honra a vida e a morte).
É un tipo de orde, de disciplina, de lei (non de xustiza).
Adoita ser un verdadeiro crente e practicante da súa relixión (da que haxa onde lle tocou nacer).
Ten alma de líder, valora o éxito que se consegue con esforzo, é autoritario (sempre ten a razón…)
O tipo A é, políticamente, de dereitas; pode ser un heroe se ten a oportunidade. Considérase liberal.
Quere o ser xefe, o presidente do goberno, da asociación de veciños, de calquera club, xefe de grupo, adestrador, etc.
Defende a lealdade por riba de todo.
Ama os triunfadores, os gañadores: ó can que é bo cazador ou ó galgo máis rápido, tamén a valentía do touro, así como, a arte de tourear, etc.
Non lle gustan as persoas ou os animais simplemente porque son seres vivos, gústanlle se destacan en algo ou por algo, como xa dixen.
É ambicioso, egoísta e pouco solidario, índa que pode ser caritativo e amigo dos seus amigos (coidado cando caen).
É capitalista (aínda que sexa pobre); quere ser rico, poderoso e influente.
Defende a súa liberdade, a súa liberdade de actuar… o fin xustifica os medios, todo o que sexa necesario para o éxito.
O seu perfil encaixa perfectamente co PODER EXECUTIVO. Tentarei de explicar isto con máis detalle noutra ocasión.
O TIPO B é un tipo que non é superficial, é humilde, social, solidario, non se basea en símbolos, a súa prioridade é a natureza, as persoas, os animais e as plantas.
Defende ó ser vivo, ó que está aquí e agora, máis que a vida en abstracto, non lle interesa “o máis alá”, adoita ser ateo. Defende a lei pola lei, é o tipo máis cualificado para garantir que as leis sexan xustas, os do tipo B deberían estar no PODER LEXISLATIVO.
A IGUALDADE é a súa loita, o seu obxectivo social, gústalle compartir a vida e os momentos felices.
Quere que todo suceda de forma natural, políticamente, podería ser comunista, quere que o estado protexa aos máis necesitados, que garanta os seus dereitos, quere educación e sanidade públicas e gratuítas…
Non dirixe grupos, se fose o líder dun equipo, este equipo sería unha banda… (non se sinte ben baixo a disciplina, nin na orde), tería que delegar nun segundo ou nun capitán que se fixera cargo do grupo.
Canto máis febles son os animais, máis lles quere, contrario da caza e do toureo, que considera maltrato animal.
É máis un camarada, un compañeiro, que un amigo.
Adoita ser de esquerdas, antitaurino, antisistema, feminista, defensor dos grupos LGTBI, ecoloxista, activista animalista, okupa, anti-desahucios, defensor dos dereitos dos traballadores...
Aspira a vivir con tranquilidade, en paz e harmonía, pero vivir con dignidade xa lle abonda.
O tipo “M” é o máis imparcial e moderado, tamén o menos frecuente, ama a liberdade no sentido máis amplo, ama a “liberdade de ser”, ademais, estará de acordo co divorcio, a eutanasia, os dereitos LGTBIQ+, os dereitos feministas e todos os dereitos humanos.
Soe ser anarquista, pero acepta a democracia (índa que ás veces non participa).
É bohemio, artista, xeralmente agnóstico.
Pola súa natureza, encaixaría no PODER XUDICIAL, ten cualidades para ser un bo intermediario ou negociador.
Como dixen máis arriba, non existen tipos puros, polo tanto non existe o M, existe AM ou BM, se un M vai acompañado de A, a súa “liberdade de ser” convértese en “liberdade de facer”, na liberdade de mercado; se vai acompañado de B, perderá algo de liberdade, pero será máis social, máis solidario, buscará máis a igualdade.



