DEMOCRACIA (uf!)
O pobo só ten un camiño para influír e defenderse dos poderes do Estado e dos fácticos e é: coa unión, a través da política, co exercicio da DEMOCRACIA representativa e, sobre todo, participativa.
A Democracia non é un sistema válido para as elites, para grandes xestas, para privilexios, para o brillo duns poucos, a democracia é para todos, para unha sociedade próspera, para a vida apracible da maioría.
O pobo non pode confiar o seu destino aos políticos profesionais, nin á relixión, sexa a que sexa, nin a ningún outro poder que poida parecer máis ou menos xusto, ten que confiar en si mesmo e nunha democracia real.
A unión é unha solución ideal, pero non se fai, a maioría da xente non a entende ou a malinterpreta, non se trata de acadar unha “Grande e Libre”, nin unha “Unión do Proletariado”, ambas as dúas están confrontadas por séculos e, normalmente, son pouco democráticas e excluíntes.
A UNIÓN que precisamos é acadar unha DEMOCRACIA CONSTITUCIONAL, unha regulación onde cabemos todos, con todas as ideoloxías, respectando os dereitos fundamentais, controlando os poderes e separando ambos, garantindo a participación continua mediante consultas e decisións vinculantes.
Unión para, entre todos, establecer o que queremos: unha constitución, un sistema de goberno, monarquía ou república, Estado Federal ou non, Autonomías ata onde? e poder tratar todos os grandes temas que nos importan.
Como xa dixen, a xente só pode participar a través da democracia, polo tanto, temos que separar o trigo da palla, separar todo da política, apartar da política todo o que non sexa da política:
Os medios de comunicación serán independentes e privados, a información debe ser limpa e verdadeira.
As relixións son privadas, nin os crentes nin os ateos poden impoñerlle ao Estado os seus criterios que serán laicos e respectarán a todos por igual, independentemente do que teñan ou non teñan, isto non significa que se impidan as tradicións, dentro dunha orde e das normas relativas aos dereitos humanos.
A política partidaria debe desaparecer da vida cotiá, dos eventos deportivos, festas gastronómicas ou relixiosas e todo tipo de eventos que non teñan nada que ver coa política.
Só a través da democracia podemos separar o Executivo dos outros dous poderes, dar independencia ao poder xudicial e á prensa, permitir o poder lexislativo, darlle o seu lugar á igrexa e, con todo, enfrontarnos ao todopoderoso poder económico, que é a actual gran potencia mundial que controla os países, os alimentos, a enerxía, as súas multinacionais teñen un campo demasiado amplo e poderoso, con tódolos poderes ao seu servizo.
A poboación debe desfrutar do máximo poder de decisión posible.
Considero que canto máis localizado estea este poder, máis doado será controlalo, polo que non estou dacordo co centralismo, aínda que, tamén defendo que o poder debería ser gradual, piramidal.
O control do poder por parte do pobo fai que sexa máis honesto que poderoso.
Que a unión, ou o diálogo, chegue a un acordo mínimo é difícil, mesmo entre os maiores defensores da democracia, pero non queda outra que intentalo.
Se non acadamos bos resultados, só nos queda a violencia (mala cousa).
Pola miña banda, en beneficio da unión, “acepto polbo como animal de compañía”.



