ADN galego (moito rolo)

Aproveitarei algunha ocasión para comentar algunha cousa sobre raíces que perdemos, sobre todo, no que respecta a lingua. Por exemplo perdemos o uso da J (con son X), é un efecto secundario da aprendizaxe castelán, todo o que levaba J substituíuse por X, deberiamos aprender a escribir e pronunciar a J coma no portugués.

Esquecemos o uso de palabras que, non fai moito, eran moi usadas, como «medrar» (substituído por crecer) e «prender» (atar, amarrar, arraigar, colgar, acender, enganchar, suxeitar)

Temos palabras que perderon letras e parte do sentido, a min séguenme gustando páa, sóo sáa ou áas, non sei como se pode cantar… «nas áas do vento…», en fin, perderan a «L» e agora perden unha vogal… e algo do sentido.

Nalgúns casos, cámbiase o sentido orixinal do obxecto ao galeguizar ó castelán, xusto como cando se castelanizou o galego, por exemplo, «oxalá» tráeno de ojalá, o tradicional e correcto era ogallá. Noutros casos invéntase un pouco, por exemplo, chámase «vertedoiro» ao sitio onde se pon a louza, para a min é un erro, vertedoiro é o lugar onde se verte o que sexa, o nome correcto é «vertedeiro» (o que verte), ou sexa, a louza non se verte nel, a louza ponse nel a verter, a escorrer, por iso debe chamarse vertedeiro non vertedoiro, ó meu entender.

Acórdome da miña escola da aldea, bisexual e de tódalas idades, como a moitos se lles resistía o castelán e soltaban:
Toaja, por toalla, laranja, por naranja ou boteja, por botella; chanchar, por morder (por certo, agora ninguén di chanchar, antigamente era moi usado, chanchaban os cans e chanchabamos nós, todo iso era obxecto de burla e dalgúnha labazada. Tamén aparecía o erro de conxugación, por exemplo, caíase no «andó» (do andou galego), por anduvo…

Quero comentar, de pasada, que na miña nenez, non fai moito…, nas aldeas, coma miña, era habitual que se coñecese á xente por motes, sobrenomes… para iso usábanse, lugares, oficios, un familiar coñecido, un defecto ou unha calidade, por exemplo:
-Manolo «o dá Lameira», «o do Pombal», o dá Torre», «o de Fabal», «os da Ponte» etc. (en canto a lugares);
-«o de José María» «o de Castro» «o de Varela», «os de Chan» «os do Cura» etc., pola familia ou proximidade;
-por motes persoais había «o Chosco», «o Chepudo» «o Dentán» «o Coxo», «o Manco», «o Roxo» etc.;
-por oficio: «os do Canteiro» «do Ferreiro» «o Zapateiro», «o Cesteiro», «o Cereiro»…,
-algúns son honorarios: «os do Duque» «o Conde», «o de don fulano…»

En fin, ninguén se libraba do seu alcume, sen el, non eras recoñecido…, eu era, de pequeno «pepiño o do con», había un con grande por onde pasaba a estrada e alí facía a “volta do con”.

Observei que nos pobos de Castela resólveno doutra maneira, poñen uns nomes que xa non necesitan alcume:
Ciriaco, Zenón, Teodomira, Justiniano…, con estes nomes, realmente, para que queres alcumes…

Este tema enroloume tanto que o acabei convertendo nun libro… como podedes ver, o libro anda por aí.