AS CIRCUNSTANCIAS
Sempre me parecera que a afirmación de Ortega y Gasset:
“Yo soy yo y mi circunstancia, y si no la salvo a ella no me salvo yo”, era unha frase de pouca monta, agora que xa son vello, paréceme que ten moito fundamento, diría que ten moito máis calado do que se ve a primeira vista e, inda así, pode que se quede curta.
Recentemente hai moita presenza de xente falando do máis alá, da alma, do espirito, da conciencia ou de supraconciencia. Saen testemuñas de “Experiencias Cerca da Morte”, onde contan supostos contatos con antepasados e sinten que están de volta na casa, falan marabillas, alí todos somos un…
Ben, esto levoume a divagar un pouco sobre o tema, que é profundo:
E se de verdade todos foramos o mesmo espírito, a mesma alma, unha gota do mesmo e inmenso mar espiritual, e na realidade o único que temos de diferente son as circunstancias, as circunstancias que cada gota atopa fora dese mar…
A ver, resulta que un cacho do espírito superior (común a todos) decide, por vontade propia, pasar pola experiencia dunha vida física, corpórea, elixe onde e como, en que familia, situación de saúde, sexo, capacidade intelectual, etc. nese caso, o que el será realmente, o que lle dará a personalidade serán as súas circunstancias, boas ou malas…
Se é que, no fondo, somos totalmente iguais, o que realmente somos, o que nos diferencia, a fin de contas, pertence na súa maioría ó envase, ó corpo, a supraconciencia non a usamos, nin sequera sabemos nada dela, mentres estamos neste val de bágoas.
De ser certo, esto dalle un valor superior as circunstancias, elas mandan en nós, son as que conforman a nosa realidade: seremos guapas ou feos, ricos ou pobres, listos ou parvos, finos ou brutos, viveremos en paz ou en guerra, con conflictos, sempre, seguramente.
A verdade é que, a loita superior e máis valiosa, a mellor experiencia vital, é a que sexa máis dura, a que teña máis dor, máis sufrimento, o difícil que pode resultar ser boa persoa con malas circunstancias.
En definitiva:
Eu son as miñas circunstancias, e ti as túas.
Non é que sexamos irmáns, é que somos o mesmo, con outras circunstancias.
A esto hai que darlle outra volta


